subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Turismo de Galicia distingue ao Concello de Oroso nos Premios Camiño de Santiago pola posta en marcha do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI).


Manuel Mirás destaca que “este premio é un recoñecemento ao intenso traballo que estamos facendo en Oroso para promover o Camiño Inglés e que comeza a dar os seus froitos”.

orosoO Concello de Oroso será distinguido cun dos galardóns dos Premios Camiño de Santiago 2016, convocados por Turismo de Galicia para premiar as iniciativas públicas e privadas destinadas a avanzar na mellora do Camiño de Santiago, aumentar a sensibilidade cidadá en relación cos valores do Camiño e estimular o coñecemento do seu patrimonio xeral. Un premio que o Concello orosá recibe pola posta en marcha do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI) e todas as actividades realizadas nos seus primeiros seis meses de vida.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, amosou a súa satisfacción por que “este premio é un recoñecemento ao intenso traballo que estamos facendo en Oroso para promover o Camiño Inglés e que comeza a dar os froitos máis ou menos agardados”. Neste sentido, Mirás sitúa a visita dunha delegación de alumnos de varios colexios de Durham (Inglaterra), que terá lugar o próximo 18 de outubro.

Esta visita é froito dunha viaxe realizada polo Concello de Oroso a esta localidade británica para promover a abadía de Finchale como inicio do Camiño Inglés e contactar con varios colexios británicos para realizar intercambios de estudantes entre Oroso e Durham. “Non só estamos traballando na promoción do Camiño Inglés, senón que tamén apostamos por que deixe de ser o máis curto dos Camiños Xacobeos, pois o seu inicio está en Finchale”, explica o alcalde orosán.

O Concello de Oroso foi distinguido co segundo premio na categoría destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas polas que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago. O premio ascende a 5.000 euros.

Oitenta consultas ao mes

O CEICI, emprazado no centro cultural de Sigüeiro, é unha iniciativa do Concello de Oroso dirixida a investigadores sobre o Camiño Inglés, xa que conta cun importante fondo bibliográfico e audiovisuais sobre esta ruta Xacobea. Ademais dos máis de 200 documentos cos que naceu o CEICI (achegados polo Concello, o Xacobeo, centros de ensino e particulares), nestes primeiros meses de actividade o Concello de Oroso destinou recursos a localizar todas as publicacións referentes ao Camiño Inglés, contando coa colaboración de persoas individuais que mesmo cederon títulos que se atopaban esgotados.

Así mesmo, o CEICI incorporou 852 fotografías de alta definición sobre o Camiño Inglés e comezou a recoller vídeos curtos sobre a materia. Uns materiais que están a disposición dos investigadores de maneira gratuíta. Así mesmo, o Concello de Oroso realizou unha selección de informacións en revistas e xornais sobre o Camiño Inglés, que foron catalogadas e ás que se pode ter acceso no local no centro cultural de Sigüeiro.

En total, ao longo dos seus seis primeiros meses de vida, o CEICI recibiu un total de 332 peticións de información e documentación procedentes de universidades galegas como de investigadores particulares e centros británicos como as universidades de Durham, Leicester ou Lancaster. De feito, a media de peticións de información estabilizouse nos últimos meses en máis de 80 consultas por mes.

Proxección internacional

Ademais, durante este primeiro medio ano de vida, o CEICI apostou claramente pola súa proxección internacional, participando da man de Turismo de Galicia en FITUR primeiro, e realizando intercambios coa Universidade de Durham. Así, en xaneiro de 2015 visitaba o CEIC a doutora Penélope Johnson, profesora da Universidade de Durham; e en xuño de 2016 unha delegación orosá, encabezada polo alcalde Manuel Mirás, viaxou a Inglaterra para participar na recuperación das peregrinacións entre a abadía de Finchale e Durham. Mirás aproveitou a ocasión para manter distintas reunións de traballo con varios colexios de Durham que se traducirán non só en beneficios para o CEICI, senón tamén na posibilidade de realizar intercambios de estudantes entre Oroso e esta localidade británica.

Por outra banda, o Concello de Oroso convocou o I Certame Internacional do Camiño Inglés, con nove premios en tres categorías: investigación, diarios de peregrinos e divulgación. Os gañadores foron investigadores das universidades de Lancaster e Santiago de Compostela. Un certame cuxa segunda edición será convocada nas próximas semanas.