O Concello de Oroso promove un novo curso de formación no marco da Aula Mentor.
Ofréceselles aos orosáns a posibilidade de actualizar o seu perfil profesional con coñecementos en ferramentas de software libre.
O Concello de Oroso vén de informar da ampliación da súa oferta formativa cun novo curso formativo: Autoedición con Scribus, cunha certificación de 90 h. Esta actividade inscríbese no marco da Aula Mentor “Educaoroso”, que pon á disposición dos veciños e veciñas de Oroso a posibilidade de ampliar os seus coñecementos.
Neste novo curso, en concreto, trabállanse a publicación e a maquetación de documentos. O obxectivo deste curso é dar a coñecer as prestacións do software de edición Scribus, moi útil para crear gran variedade de documentos como formularios e imprimir en diferentes formatos (dixitais, pdf e exportación de arquivos).
Con Scribus pódense crear calquera tipo de documentos e publicacións: murais ou pósters, fichas de traballo, carteis, dípticos, trípticos, folletos, e-books (libros e revistas electrónicas), xornais ou revistas impresas. O curso destínase a persoas interesadas en introducirse no mundo da autoedición utilizando software libre con funcións avanzadas para o deseño de páxinas, manexo de bloques de textos, tratamento de imaxes, utilización de estilos, etc.
Para o seu eficaz aproveitamento requírense coñecementos previos -a nivel de usuario- do sistema operativo dende o que se traballe (Windows, Linux) , así como familiarización co uso dalgún procesador de textos. Ademais, resulta conveniente -aínda que non imprescindible- o coñecemento de utilidades de deseño gráfico de traballo con capas.
Con esta oferta formativa, o Concello de Oroso pretende facilitarlles aos veciños e veciñas do municipio a oportunidade de actualizar o seu perfil profesional, potenciar o seu acceso ao emprego e aumentar a súa formación básica. A Aula Mentor de Oroso conta con máis de 130 cursos que, unha vez superados, dan dereito a unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Máis información
https://cve.mec.es/mentor/informacion_cursos/informacion.htm?scribus_cve
Para a realización do curso utilizarase o programa de Scribus, desarroiado en código aberto (en inglés open source) que é o termo co que se coñece ao software distribuído e desenvolvido libremente. O código aberto ten un punto de vista máis orientado aos beneficios prácticos de compartir o código que ás cuestións morais e/ou filosóficas as cales destacan no chamado software libre e supón unha alternativa fronte ao software propietario para realizar os cursos de autoedición.
A aplicación pódese descargar dende esta páxina: http://www.scribus.net/?q=downloads