subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Trece establecementos participarán na primeira edición do concurso de tapas de Oroso.


A tapa gañadora será elixida por votación popular despois de catro días de degustacións: 6, 7, 13 e 14 de marzo.

orosoUn total de trece establecementos de Oroso participarán na primeira edición do Concurso de Tapas, organizado polo Concello de Oroso e patrocinado por Autoservicios Familia. Unha iniciativa coa que o Concello de Oroso pretende “acadar un maior número de visitantes ao municipio e dinamizar a hostalería orosá, ao tempo que se promove a gastronomía local e as posibilidades de Oroso en materia de turismo”, explica a concelleira de turismo, Vanessa Reboredo.

Esta primeira edición do Concurso de Tapas de Oroso levarase a cabo o vindeiro mes de marzo, en concreto nas fins de semana dos 6, 7, 13 e 14 de marzo. Eses días, cada establecemento elaborará unha tapa, tradicional ou creativa, que será entregada de balde ao cliente con cada consumición. Unha degustación que terá lugar en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.

Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán votar polo local que fixera a mellor tapa. Unha vez degustada a tapa, o local selaralle ao cliente o boleto de votación. Para que o voto depositado na urna sexa válido, cada papeleta deberá contar cun mínimo de 4 selos que corroboren que se probaron as tapas de polo menos 4 establecementos distintos. Para poder optar ao premio patrocinado por Autoservicios Familia, o cliente deberá achegar un mínimo de 7 selos, dous dos cales deberán ser dalgún dos establecementos participantes situados fóra de Sigüeiro. O premio será unha fin de semana en réxime de pensión completa nun balneario próximo.

Establecementos participantes

Vanessa Reboredo destaca “a moi boa acollida que tivo esta iniciativa entre os hostaleiros de Oroso, xa que contar con 13 participantes nesta primeira edición é todo un éxito”. Así, os trece establecementos participantes son Cervecería Xesto, Bar Tapas, O Rodeo, Adega O Ribeiro, Restaurante-Bar Cortés, Café-Bar A Praza, X que no?, Mesón Pulpería Carballal e O Café de Manuela, todos eles de Sigüeiro. Ademais, tamén concursarán o Bar O Zapateiro (de Senra), o Restaurante Lar Blanco (de Gándara), o Bar Stop (de Oroso) e o Bar Falmega (de Vilarromarís). Para participar no sorteo da viaxe ao balneario será preciso contar co selo de dous destes catro últimos establecementos. Ademais, o Café-Bar A Praza, a Adega O Ribeiro e o Restaurante-Bar Cortés só participarán os sábados 6 e 13 de marzo.

Estes trece locais optarán a un premio de 300 euros, patrocinado por Autoservicios Familia, máis diploma acreditativo como gañador do concurso, outorgado polo Concello de Oroso. Un premio para o que cada local poderá elixir se presenta unha única tapa para participar os catro días ou concursa con ata un máximo de 4 tapas. Os galardóns serán entregados nun acto que terá lugar o vindeiro 27 de marzo no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.