Aberto o prazo de renovación de praza para os alumnos da Escola Infantil Municipal “A Ulloa”.
A oferta de prazas para nova ocupación abrirase o vindeiro 15 de marzo.
O Concello de Oroso abriu o prazo de renovación de praza para o curso 2010-2011 na escola infantil municipal “A Ulloa”, que conta na actualidade con preto de 75 alumnos. O prazo de renovación da praza para os alumnos e alumnas que xa están na gardería rematará o vindeiro martes, 9 de marzo.
Unha vez finalizado este prazo, o Concello de Oroso fará público o número de prazas vacantes para alumnos de nova incorporación, cuxas familias poderán presentar a solicitude de ingreso entre o 15 de marzo e o 31 de maio (no caso dos cativos menores dun ano nacidos en 2010). Un prazo que se estenderá ata o 5 de abril no caso dos alumnos de 1 a 3 anos.
O Concello de Oroso publicará unhas listaxes provisionais o vindeiro 7 de abril (no caso dos rapaces de 1 a 3 anos) e o 1 de xuño (no caso dos meniños menores dun ano) nas que se indicará se a documentación presentada polos pais está completa ou non. Así, as familias disporán de dez días para completar a documentación pendente.
Na primeira semana de xuño, o Concello de Oroso fará públicas as listaxes definitivas de alumnos de 1 a 3 anos admitidos, ordenadas por puntuación. Unhas listaxes que, no caso dos menores dun ano, faranse públicas entre o 1 e o 7 de xullo. As inscricións deberán formalizarse na escola infantil municipal “A Ulloa”, situada na paraxe da Ulloa s/n ou chamando ao 981 691 505. As familias de rapaces de entre 1 e 3 anos formalizarán a matrícula antes do 30 de xuño, mentres que as familias de pequenos menores dun ano farán o propio antes do 30 de xullo.