subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Voluntarios e alumnos do IES de Oroso eliminarán puntos de verquido de lixo e recuperarán tramos do Camiño Inglés dentro do programa “Días Verdes” os días 17, 18 e 19 abril.


Os voluntarios deberán anotarse na Casa do Concello ou no teléfono 981 691 478.

O Concello de Oroso celebra esta semana a segunda edición do programa “Días Verdes”, unha iniciativa que pretende concienciar e sensibilizar aos veciños e veciñas da necesidade de preservar a nosa natureza e adoptar actitudes que propicien un maior respecto ao medio ambiente. Unha iniciativa que terá lugar os días 17, 18 e 19 de abril, entre as 9:00 e as 13:00 horas, e na que participarán un total de 150 alumnos e alumnas do IES de Oroso. Estes rapaces, en quendas de 50 persoas cada día, recuperarán diversos tramos do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio e eliminarán varios puntos de verquido incontrolado de lixo.

Así mesmo, o programa está tamén aberto a voluntarios e voluntarias que desexen colaborar. Só é preciso anotarse na Casa do Concello de Oroso ou ben a través do teléfono 981 691 478. En ambos casos, o punto de encontro será o centro cultural de Sigüeiro, ás 9:00 horas de cada un destes tres días. “Queremos sensibilizar á xente sobre a importancia de coidar o noso medio natural e por iso quixemos implicar este ano aos rapaces e rapazas do IES, para que eles trasladen esa mensaxe ás súas familias”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Castro.

Programa

No caso dos rapaces, serán recollidos no IES ás 8:30 horas e baixarán á casa da cultura, onde serán recibidos polo alcalde Manuel Mirás e se lles proxectará un vídeo informativo sobre a importancia de respectar o medio ambiente. Ás 9:30 horas, os rapaces e mailos voluntarios que se apunten repartiranse en grupos de traballo e trasladaranse ata os lugares indicados. “A composición dos grupos e as zonas de traballo dependerán en gran parte do número final de voluntarios que se anoten na actividade”, sinala Xosé Castro.

Así, a actuación dos grupos “terá como columna vertebral o Camiño Inglés, pois é a zona máis transitada polos peóns, aínda que tamén se actuará no entorno de Sigüeiro e noutros puntos das parroquias”, apunta o concelleiro de Medio Ambiente. A actividade rematará ás 13:00 horas, cando os obxectos recollidos sexan levados ao minipunto limpo de Oroso.

Consellos a prol do medio ambiente

O programa “Días Verdes” está organizado polo Concello de Oroso e, xunto á parte de recuperación activa do medio ambiente, tamén inclúe unha difusión entre os participantes das distintas medidas tomadas dende o Concello de Oroso na defensa do medio ambiente. Así, informarase aos participantes da importancia de depositar o aceite de uso doméstico usado nos contedores habilitados (prazas de Isaac Díaz Pardo e de Alexandre Bóveda, avenida da Grabanxa, avenida de Compostela, na rúa Portiño e en Porto Avieira) ou da utilización do minipunto limpo na avenida de Compostela para desfacerse de pilas, tóner e baterías..

Ademais, lembrarase que a recollida de voluminosos nos domicilios realízase o primeiro sábado de cada mes e que está dispoñible un punto limpo en Sigüeiro para depositar todo aquilo que non se pode deixar nos contedores amarelo, azul, ou verde (aberto os venres, de 12:30 a 14:00 horas, e os sábados, de 12:00 a 13:30 horas).