subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Medio cento de rapaces e rapazas do IES de Oroso abriron o programa “Días Verdes” na entrada do Camiño Inglés, en Sigüeiro e en Trasmonte.


Manuel Mirás destacou a importancia deste tipo de accións “para concienciar a toda a sociedade da importancia da reciclaxe e de que é tarefa de todos ter un pobo máis limpo”.

orosoMedio centenar de rapaces e rapazas de 3º da ESO do IES Oroso, de entre 13 e 14 anos, abriron a primeira das tres xornadas do programa “Días Verdes”, que pretende concienciar e sensibilizar aos veciños e veciñas da necesidade de preservar a nosa natureza e adoptar actitudes que propicien un maior respecto ao medio ambiente. Os rapaces foron recibidos polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen lles explicou que o obxectivo deste programa é que “todos tomemos conciencia da importancia da reciclaxe, de que o lixo se deposite onde ten que ir, e de que é tarefa de todos ter un pobo máis limpo”.

Así, os rapaces chegaron ás 9:30 horas ao centro cultural, onde asistiron á proxección de dous vídeos educativos de Sogama e Ecoembes, ambos relacionados coa importancia de separar en orixe os refugallos. “Se cada envase vai onde ten que ir, será algo que estamos aforrando. E iso é moi importante nestes tempos de crise económica”, explicou Manuel Mirás.

Tres grupos

Posteriormente, os rapaces distribuíronse en tres grupos: un para actuar sobre a entrada do Camiño Inglés a Sigüeiro, un segundo para traballar no entorno de Sigüeiro e un terceiro que se desprazou en autobús ata a parroquia de Trasmonte. “Estes puntos foron elixidos hoxe xa que os rapaces son os máis maiores dos 150 que van participar e pensamos que son o suficientemente responsables para actuar sen perigo en zonas achegadas a vías con moita circulación, como pode ser a N-550”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Castro.

A actuación dos rapaces realizouse baixo todas as medidas de seguridade. Así, en todo momento os rapaces estiveron acompañados por persoal de Protección Civil e da Policía Local, que se encargaron de regular o tráfico nos momentos nos que os rapaces se achegaban a unha estrada. Ademais, aos grupos de traballo tamén se uniron Manuel Mirás e Xosé Castro cando os concelleiros de Deportes, Luís Rey; e de Ensino, Antonio Leira. Durante a actividade, os rapaces e rapazas sorprendéronse de ver cantas cousas se adoitan tirar ao chan tanto dende os vehículos como polos paseantes: botes de refrescos, papeis, plásticos... Uns refugallos que foron recollidos e levados ao minipunto limpo de Oroso.

A iniciativa “Días Verdes” seguirá celebrándose mañá xoves 18 de abril e o venres 19 de abril, entre as 9:00 e as 13:00 horas. O programa está tamén aberto a voluntarios e voluntarias que desexen colaborar. O punto de encontro é o centro cultural de Sigüeiro, ás 9:00 horas.

Reportaxe no programa A Revista da TVG.
Reportaxe no programa Galicia Noticias Mediodia da TVG.