subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Prohibición de estacionar e cortes puntuais de tráfico este sábado en Sigüeiro por mor da proba ciclista “I Trofeo Concello de Oroso”.


O estacionamento estará prohibido entre as 14:00 e as 19:00 horas do sábado en cinco rúas e non se permitirá o paso de vehículos noutras seis rúas ata a finalización das probas.
A proba comezará ás 16:00 horas e os ciclistas darán voltas a un circuíto urbano de 1,2 quilómetros

O Concello de Oroso informa da prohibición de estacionar en cinco rúas de Sigüeiro entre as 14:00 e as 19:00 horas deste sábado 28 de setembro debido á celebración da primeira edición da proba ciclista “I Trofeo Concello de Oroso”. Unha proba que reunirá en Oroso aos mellores ciclistas das categorías cadete, júnior e elite-sub23, que darán 15, 25 e 35 voltas (respectivamente) a un circuíto urbano de 1,2 quilómetros polas rúas de Sigüeiro.

Deste xeito, entre as 14:00 e as 19:00 horas estará prohibido estacionar nas rúas: Camiño Inglés, Cultura e Tosca, así como nas avenidas Álvaro Cunqueiro e Grabanxa (na marxe esquerda entre a rúa da Cultura e a rúa da Tosca). Estas rúas estarán tamén pechadas ao tráfico a partir das 16:00 horas, momento de inicio da proba, quedando sinalizados desvíos alternativos.

Así mesmo, nas rúas Pablo Iglesias, Deporte, Pontevedra, Vigo, Xuncal e Campo (entre a rúa da Cultura e rúa do Deporte) non estará permitido o paso de vehículos ata a finalización das probas, prevista para as 19:00 horas. Por iso, o Concello de Oroso recomenda aos que vaian precisar saír cos vehículos que o fagan antes do inicio da proba (16:00 horas).

O Concello de Oroso mobilizará a todos os efectivos de Protección Civil, da Policía Local e da Brigada Municipal de Obras e Servizos para tratar de paliar ao máximo as molestias que a proba poda ocasionar entre os veciños. Así mesmo, o Concello fixo público un bando para que a veciñanza teña cumprida información sobre estes cambios temporais na circulación de vehículos na parte este de Sigüeiro.

Características da proba

O “I Trofeo Concello de Oroso” de ciclismo está organizado polo Concello de Oroso e a Federación Galega de Ciclismo. Reunirá a ciclistas das categorías cadete, júnior e elite-sub-23, que competirán sobre un circuíto urbano de 1,2 quilómetros polas rúas de Sigüeiro. Cada categoría dará un número de voltas a este circuíto: 15 (cadetes), 25 (júnior) e 35 (elite-sub 23). A proba comezará ás 16:00 horas e está previsto que finalice ás 19:00 horas.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey, serán os encargados de entregar os galardóns das distintas categorías.