subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os efectivos de Protección Civil de Oroso apréndenlles primeiros auxilios aos estudantes do IES de Sigüeiro.


En sesións teóricas e prácticas, explicáronlles como atender persoas en situación de emerxencia ou como inmobilizar feridos, ademais de ofrecerlles consellos de precaución para a súa vida cotiá.

orosoOs efectivos de Protección Civil de Oroso ofrecéronlles clases sobre primeiros auxilios ao alumnado do IES de Sigüeiro, en sesións con partes teórica e práctica. Os estudantes recibiron unha información elemental sobre como asistir a persoas en situacións de emerxencia e sobre a reanimación cardiopulmonar, ademais de consellos prácticos de prevención de riscos para a súa vida cotiá.

Unha das normas esenciais que lles explicaron os responsables de Protección Civil foi a coñecida polo acrónimo P.A.S., que significa que ante unha emerxencia o primeiro que hai que facer é ‘Protexer’ as persoas afectadas dos posibles riscos que presente a situación, para despois ‘Avisar’ aos servizos de asistencia, e finalmente ‘Socorrer’ as vítimas. O alumnado quedouse con esta pauta como o protocolo xeral ao que aterse cando teñan que intervir nun problema deste tipo.

Mediante manequíns e co apoio de instrumental utilizado habitualmente en emerxencias, os estudantes tamén puideron levar á práctica as técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar (RCP), divididos en grupos que se distribuíron nas instalacións do polideportivo anexo ao IES. Aprenderon así que hai que facer ante situacións, como atragoamentos, nas que unha persoa poida volver respirar con normalidade.

Partindo da premisa de que non deben consumir alcohol nin outras drogas, os efectivos do servizo público tamén informaron aos estudantes que cando atendan unha persoa afectada por excesos no consumo desas sustancias teñen que informar con total sinceridade de que consumiu aos servizos sanitarios e de emerxencias, para garantizar a eficacia na atención.

Outra parte destacada da clase foron os consellos de precaución para a súa vida cotiá. Por exemplo, gardar ao comezo das axendas dos seus móbiles, coas letras AAA, o número de quen primeiro queiran que se contacte se lles pasa algo. Con vistas ao bo tempo, describíronlles ademais como tratar picaduras e ofrecéronlles consellos para evitar as exposicións prolongadas ao sol sen protección ou pautas para evitar cortes de dixestión por cambios bruscos de temperatura.