subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás marca como obxectivo reducir en 2,5 toneladas diarias os envíos de lixo a SOGAMA nun prazo de tres anos.


O alcalde presentoulle á Asociación da Terceira Idade a nova campaña de sensibilización que vai levar a cabo o Concello de Oroso.

oroso“O noso obxectivo para os próximos tres anos é enviar a SOGAMA dúas toneladas e media de residuos menos cada día, xa que agora estamos enviando unha media de sete toneladas diarias”. Son palabras do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, na última xornada dos “Martes saudables”, que se veñen celebrando un martes de cada mes na Aula da Terceira Idade de Sigüeiro e na que participaron medio cento de maiores.

O alcalde orosán explicoulles aos maiores que dende o Concello de Oroso “imos facer un enorme esforzo por concienciar á veciñanza na importancia de reducir, reutilizar e reciclar pois, ademais dos beneficios que lle reportamos ao noso medio ambiente, tamén podemos aforrar moitos cartos”. Neste sentido, Mirás explicoulles aos maiores presentes que as taxas do lixo se establecen de acordo co custe da prestación do servizo, que en Oroso se cubre ao 100% coas achegas dos veciños e veciñas do municipio. “Se reciclamos e o facemos ben, podemos reducir facilmente a factura en máis de 3.000 euros”, indicoulles Mirás Franqueira.

O alcalde de Oroso aproveitou a ocasión para explicarlles aos presentes onde hai que depositar residuos que non tiñan claro en que contedor ían, como os botes do desodorante ou os paquetes de café. En especial, instounos a ter coidado cos residuos perigosos para o medio ambiente como as baterías, os pneumáticos ou o aceite de cociña. “Nunca tiredes o aceite polo sumidoiro pois é moi contaminante”, lembroulles Manuel Mirás, quen lles recordou que o Concello de Oroso conta con contedores para a recollida de aceite e cun punto limpo onde depositar outros refugallos. Pola contra, felicitounos por ser o concello que obtén os mellor índices de reciclaxe de vidro nas comarcas de Ordes e de Santiago.

Por último, o alcalde orosán indicoulles que o Concello de Oroso está a tramitar a construción dun punto verde no polígono empresarial Oroso Pequeno no que se poderán entregar todo tipo de refugallos. “Ademais, queremos poñer un compostador industrial aló para dar servizo ao comedor do colexio, ás froiterías e aos restaurantes de Oroso”, adiantou Manuel Mirás.

Presentación de “Troi”

Por outra banda, o alcalde de Oroso aproveitou a ocasión para presentar a nova campaña de sensibilización que vai levar a cabo o Concello de Oroso, dirixida especialmente aos máis novos do municipio. Trátase dun xogo, semellante ao taboleiro da Oca, protagonizado por “Troi”, unha troita que será quen ensine aos rapaces e rapazas como reciclar e as vantaxes da reciclaxe dun xeito divertido. “Sodes os primeiros en velo”, explicoulles Mirás aos maiores presentes, “e temos a intención de organizar algún tipo de campionato nos próximos meses así que xa podedes ir practicando”.

Mirás estivo acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente, Xosé Castro; Voluntariado, Antonio Leira; e Sanidade, María del Carmen Liste; así como polo xerente da empresa recentemente adxudicataria do servizo de recollida e transporte dos residuos sólidos municipais, Residuos Ambientales de Galicia SLU.