subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre a inscrición no seu primeiro concurso de escaparates de Nadal.


Os comerciantes que desexen participar deberán anotarse antes do 14 de decembro e o concurso desenvolverase ata o 6 de xaneiro.

orosoO Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición no primeiro concurso de escaparates de Nadal, que se desenvolverá entre o 14 de decembro e o 6 de xaneiro e no que se repartirán 600 euros en premios. Aqueles establecementos comerciais que desexen participar no certame deberán anotarse antes do mércores 14 de decembro no Concello de Oroso.

O concelleiro de Comercio, Antonio Leira Piñeiro, explica que “o obxectivo deste concurso é que serva tamén de campaña de promoción do pequeno e mediano comercio orosán co fin de incentivar as compras nos negocios do municipio, sobre todo nestas datas de Nadal”. Os comercios participantes terán que expoñer os seus escaparates ben iluminados entre o 14 de decembro e o 6 de xaneiro, á espera da visita do xurado.

Un xurado que estará integrado por representantes da hostalería local, da Asociación de Comerciantes, da Mesa de Comercio Local e do Concello de Oroso. “Cada local pode escoller o tema que desexe, se ben co ambiente propio destas Festas do Nadal”, indica Leira Piñeiro, quen apunta que “o xurado terá especialmente en conta a calidade artística, composición e iluminación do escaparate, así como o uso de elementos tradicionais do Nadal, as súa orixinalidade e o uso do idioma galego”. Haberá tres premios, de 300, 200 e 100 euros, que serán entregados nun acto que terá lugar o día 10 de xaneiro, ás 21:00 horas, no salón de plenos do Concello de Oroso.

Votación en Facebook

Así mesmo, cada participante achegará unha fotografía do seu escaparate que será publicada no Facebook oficial do Concello de Oroso, abríndose un prazo de votación entre o 15 de decembro e o 4 de xaneiro. O escaparate con máis “Góstames” na súa fotografía recibirá unha cea nun restaurante do concello. Ademais, entre todas as persoas que voten en Facebook sortearase un vale por unha cea para dúas persoas nun restaurante do concello.