subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso considera que o accidente deste venres pon de manifesto a urxencia de contar cunha saída sur na AP-9.


Xosé Castro denuncia que “levamos moitos anos pedindo unha solución porque non é de recibo que un simple accidente cause retencións quilométricas e colapse durante horas unha vila como Sigüeiro” .

O Concello de Oroso considera que o accidente de tráfico producido esta mañá nas inmediacións da ponte de Sigüeiro, na N-550, pon de manifesto a necesidade imperiosa de que Oroso conte cunha saída sur na AP-9. O concelleiro de Protección Civil e seguridade cidadá, Xosé Castro, sinala que “afortunadamente non houbo que lamentar vítimas nin feridos” pero que este suceso “demostra a urxente necesidade que ten Oroso, e Sigüeiro en concreto, de contar cunha saída sur na AP-9”.

Xosé Castro denuncia que “non é de recibo que un simple accidente poida causar retencións quilométricas e colapse durante horas a vida dunha vila de 5.000 habitantes como Sigüeiro”. O concelleiro de Protección Civil e seguridade cidadá asegura que “todas as retencións que tiveron que padecer centos de persoas, non só de Oroso senón das comarcas de Ordes e Santiago, poderían terse evitado se tivésemos en marcha unha obra que o noso alcalde leva pedindo dende hai anos: o acceso sur á AP-9”.

O Concello xa fixo os deberes

Na actualidade, en Sigüeiro hai unha entrada de vehículos (sentido á Coruña) e saída (sentido Santiago) polo que o Concello de Oroso ten demandado en reiteradas ocasións a habilitación dunha entrada cara a Santiago e unha saída en Oroso dende a capital compostelá. De feito, o Concello ten deixado claro diante do Ministerio de Fomento que a saída sur da AP-9 é algo irrenunciable para o Goberno de Oroso e mesmo ten realizado tamén negociacións coa empresa concesionaria.

Xosé Castro lembra que “o Concello de Oroso xa fixo hai moito tempo os seus deberes, que son dispoñer dos terreos necesarios para a realización desta entrada/saída sur na AP-9 que, de estar operativa hoxe, tería evitado o colapso circulatorio que se produciu esta mañá”. Unha obra que podería ser acometida en pouco tempo e que suporía unha mellora substancial nas comunicacións de Sigüeiro e Oroso. Ademais, esta opción sería unha solución aos problemas de tráfico de Sigüeiro ata que se execute a variante de Sigüeiro (a vía Ordes Sur-Sigüeiro pertencente á autovía Sigüeiro-Padrón que xestiona o Ministerio de Fomento).

Segundo Xosé Castro, “hoxe puidemos comprobar que as peticións que leva facendo o noso alcalde dende hai anos dunha entrada/saída sur para a AP-9 non son ningún capricho, senón unha necesidade de primeira orde que sufriron hoxe centos e centos de automobilistas, con colas que chegaron dende Sigüeiro ata Trasmonte”.