subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso recibirá unha bonificación de máis de 25.000 euros pola boa separación do lixo que están a facer os veciños.


Manuel Mirás agarda que Oroso conte en breve cun punto limpo “xa que temos a palabra do Conselleiro de Medio Ambiente” .

orosoO Concello de Oroso recibirá este ano unha bonificación de máis de 25.000 euros pola boa separación dos residuos sólidos urbanos que están a realizar os seus veciños e veciñas, uns cartos que servirán para seguir coidando o medio ambiente do municipio. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, felicita a todos os veciños, pois “son moi conscientes da importancia da reciclaxe”, e espera que estes resultados “sexan moito mellores cando fagamos o novo punto limpo”.

Neste sentido, o Concello de Oroso dispón dunha zona habilitada como punto limpo nunha parcela próxima ao polígono empresarial de Sigüeiro. “É algo totalmente provisional e funciona en precario”, admite o alcalde orosán, “pero dálle servizo á cidadanía, que é o que se precisa”. De todos os modos, o Concello de Oroso agarda poder dispoñer en breve dunhas mellores instalacións. “Esperamos que o novo punto limpo se poida facer pronto, xa que temos a palabra que nos deu o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nunha recente entrevista que mantivemos en San Caetano”, apunta Mirás Franqueira.

Novos contedores e recollida de aceite

Á espera do punto limpo, o que si confirmou a Xunta de Galicia é que subvencionará 18 novos contedores de residuos sólidos urbanos, que serán distribuídos entre as diferentes parroquias do municipio de acordo coas necesidades da poboación. Finalmente, o Concello de Oroso fai un chamamento especial para que os veciños e veciñas utilicen os contedores de recollida de aceite doméstico.

O Concello de Oroso instalou cinco contedores, cunha capacidade de 180 litros cada un, en Sigüeiro (na praza Isaac Díaz Pardo, na avenida da Garabanxa, na avenida Compostela e na rúa do Portiño) e na urbanización Porto Avieira. O concelleiro de limpeza viaria, Pepe Castro, lembra que “os aceites de cociña usados constitúen un residuo moi común nos nosos fogares e teñen un alto poder de contaminación, xa que a maioría o tira polo vertedoiro e remata nos nosos ríos”.

Ademais, apunta que a colaboración dos veciños “non só evitará a contaminación dos nosos ríos, senón que tamén axudará a que este servizo teña o menor custo para o Concello”. E é que, ao tratarse dun residuo que pode ser reutilizado na fabricación de biocombustible, se Oroso acada un mínimo de litros, o servizo de recollida sería totalmente de balde para as arcas municipais.