subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso instalará tres novos parques infantís a carón das escolas unitarias de Senra, Deixebre e Trasmonte.


Os traballos comezan coa renovación do parque infantil da praza Alexandre Bóveda (Sigüeiro)

orosoO Concello de Oroso vai instalar tres novos parques infantís nas parroquias de Senra, Deixebre e Trasmonte, que estarán situados a carón das respectivas escolas unitarias. Unhas obras que inclúen tamén traballos de mellora no parque infantil da praza Alexandre Bóveda (Sigüeiro) e que están incluídas no Plan Provincial de Parques Infantís da Deputación Provincial da Coruña.

O concelleiro de parques e xardíns, Xosé Castro, sinala que as obras consistirán “na reposición do firme do parque da praza Alexandre Bóveda e na construción de novas instalacións nas unitarias de Deixebre, Senra e Trasmonte, que levarán un chan de caucho e area e diversos xogos como tobogáns, bambáns e balancíns”. Unhas obras que o Concello de Oroso agarda que estean rematadas nun prazo de quince días.

Con estes traballos, o Concello de Oroso dá continuidade ás obras de mellora nos seus parques infantís acometidas no primeiro semestre de 2008. Uns traballos que daquela permitiron a substitución dos antigos bambáns dos parques infantís do Paseo do Río Carboeiro e da praza Alexandre Bóveda (ambos en Sigüeiro) por uns novos.