subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso incrementa a dotación do seu parque móbil para o coidado dos seus máis de 200.000 metros cadrados de xardíns.


O Concello investiu 25.000 na compra dun cortacéspede e está pendente de recibir un camión con grúa e cesta elevadora.

orosoO Concello de Oroso vén de incrementar a dotación do seu parque móbil destinado ao coidado dos seus parques e xardíns coa adquisición dunha máquina cortacéspede recicladora, na que investiu un total de 25.000 euros. Así mesmo, nestes momentos xa está adxudicada provisionalmente a compra dun camión dotado con grúa e cesta elevadora que tamén se adicará ao coidado dos parques e xardíns do municipio.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “Oroso pasou de non ter nin un metro axardinado a contar con preto de 200.000 metros cadrados de xardíns e áreas recreativas, polo que estamos adquirindo a maquinaria precisa para que estén nas mellores condicións posibles”. Neste sentido, o Concello de Oroso investiu 25.000 euros na compra dunha máquina cortacéspede GM 7200 “que dispón dun sistema de reciclaxe de xeito que tritura todo o que corta e estes restos serven de abono para os propios xardíns”, puntualiza Pepe Castro, concelleiro de Parques e Xardíns.

O novo vehículo permite regular a altura de corte da herba dende 2,54 ata 15,24 centrímetros, conta cun sistema recycler patentado e dispón dun gran ancho de vías para un mellor funcionamento en taludes como os do paseo do río Carboeiro. Dispón tamén dun depósito de combustible de gran capacidade, de xeito que pode operar a xornada completa sen necesidade de repostar.

Pepe Castro explica que “no prezo de adquisición deste moderno cortacéspede está incluido un periodo de catro anos de total garantía, que cubre incluso o desgaste das pezas polo que o único que teremos que gastar nos vindeiros anos será o gasóleo que consuma”. Neste sentido, Mirás Franqueira sinala que esta garantía “é unha decisión do Concello de Oroso para axustar o gasto e evitar desagradables sorpresas. Deste xeito, cumprimos cunha das medidas do noso Plan de Austeridade, xa que temos a seguridade de que os nos vindeiros anos non haberá que gastar nin un peso nesta máquina, polo que non haberá ningún desaxuste nos orzamentos”.

Esta máquina cortacéspede incorporouse hoxe mesmo a traballo na marxe dereita do paseo do río Carboeiro.