subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Camiño Inglés

Na provincia da Coruña, a importancia e antiguidade da ruta denominada Inglesa vén demostrada pola existencia dunha serie de Institucións que medraron considerablemente a partir do século XII, favorecidas polo comercio internacional terrestre e marítimo. Estas institucións, que se atopan ao longo da ruta son: unhas de carácter benéfico, como hospitais, lazaretos, pontes ou pousadas e outras cun eminente carácter de protección, como foi a Orde militar dos Templarios, sen esquecer que os conventos de monxes estiveron tamén vencellados ao fenómeno do descubrimento ou invención do sepulcro do Apóstolo Santiago.
Esta frecuentada ruta cara a Santiago, máis corta e práctica para os que, procedentes do Norte e Oeste de Europa, chegaban aos seguros portos de Galicia por vía marítima, consta de dous tramos: un que saía ao principio do Burgo de Faro e máis tarde da Coruña; outro que tiña o seu comezo en Neda ou Ferrol e que coincidían, segundo algúns testemuños en Bruma e segundo outros na capela de San Roque das Travesas, para continuar por un mesmo itinerario ata chegar a Compostela.
Aínda que o Camiño Inglés non tivo a importancia do seu “rival” francés, non debemos esquecer que deu lugar a un numeroso fluxo de peregrinos.

Delimitación do Camiño Inglés

Tramo de Ferrol a Miño

camiño inglésPartindo de Ferrol, o Camiño Inglés empeza nos peiraos de Curuxeiras, no arrabalde que ocupa os terreos do porto medieval.
Deixando atrás o paseo da Mariña, a ruta leva á igrexa de San Francisco, situada entre o arrabalde vello e a ordenación neoclásica da Madalena.
A ruta segue pola rúa Real e intérnase na Madalena. Un dos edificos máis significativos para a peregrinación é o Hospital da Caridade – hoxe Centro Cultural Torrente Ballester -, construído en 1780 para auxilio dos enfermos, pobres e peregrinos. No que atinxe ás igrexas, a principal é a concatedral de San Xián.
A rúa Real Conduce á Praza de Amboaxe, onde se atopa a capela das Dores. Seguindo a mesma rúa, aparecen despois a praza de Armas e o Pazo Consistorial construído en 1953. Continúase pola rúa Real, rúa do Carme, praza do Callao e Cantón de Molíns para chegar á igrexa das Angustias, outro dos templos neoclásicos de Ferrol.
O camiño segue cara ós arrabaldes de Recemil e Caranza. O polígono industrial da Gándara anuncia a proximidade de Narón. Continúase pola avenida do Mar, paralela á ría, e tómase cara a Neda. A rúa da Pena leva cara ao mosteiro de San Martiño de Xubia (O Couto).
A ruta continúa ata entroncar co camiño do Salto, pasa polo muíño da marea das Aceas de Lembeie e cruza a ponte do río Xubia para entrar en Neda. O peregrino conta hoxe cun moderno albergue na beira do río Xubia. Visítase a igrexa de Santa María, e o hospital de peregrinos de Sancti Spiritus. Camíñase despois pola rúa Real, coas súas casas con soportais dos séculos XVII e XVIII e pola rúa do Castro, ata a igrexa de San Nicolás.
Deixase atrás Neda para seguir polo Regueiro, o Puntal de Arriba e Conces ata entrar en Fene, Concello industrial célebre polos talleres e estaleiros de ASTANO. Saíndo da vila, a ruta enlaza co camiño real, arrodea o polígono industrial de Vilar do Colo e penetra en Cabanas. Un desvío previo leva a un vello muíño e á igrexa de San Martiño do Porto, de fermosa portada barroca.
En Cabanas, en pleno esteiro do Eume, o peregrino pode descansar na praia da Madalena, antes de seguir polo paseo marítimo, cruza-la ponte e entrar en Pontedeume. Aquí destacan o convento de Santo Agostiño, a capela das Virtudes, a Torre da homenaxe do castelo dos Andrade, a igrexa de Santiago, a casa natal de Bartolomeu Raxoi, arcebispo de Santiago entre 1751-1772, e a Casa do Concello pegada á Torre Ulloa.
Deixando atrás Pontedeume, pódese tomar o desvío á igrexa románica de San Miguel de Bréamo. Despois séguese ata a aldea de Buíña, para tomar a dirección de Perbes. Se non se elixe este desvío por Bréamo, o camiño leva ata Bruíña e pasa polos lugares de Viadeiro e Bañobre. Despois de cruzar o río Baxoi por unha ponte medieval dun arco único, éntrase en Miño polo camiño real ata a praza do mercado. Preto do mar está o albergue dos peregrinos.

Tramo de Miño a Bruma

A ruta deixa Miño pola rúa Real ata a estación de ferrocarril. Cruza a vía e volve á beira do mar, moi presente nos primeiros tramos do Camiño Inglés. Chégase así ata a Ponte do Porco, no esteiro do río Lambre. O camiño penetra en zona de monte ata chegar ó Pazo de Montecarlo e á igrexia de San Pantaleón das Viñas.
O camiño baixa e empeza de novo un ascenso en dirección a Matacabalos, pasando por Chantada e Guende. Algo despois, o peregrino chega ó lugar de Souto, onde existe unha igrexa románica reconstruída no século XIX. O camiño discorre por terreos chans antes de baixar cara a Betanzos, traxecto que ofrece unha boa panorámica da ría de Betanzos e das súas marismas. Na aldea de Gas hai unha antiga fonte cunha cruz.
Despois segue ata A Rúa e continúa ata a igrexa románica de San Martiño de Tiobre; pasa polo Pazo de Barral, descende a costa do Sabugueiro e chega ó lugar de Caraña.
O itinerario leva ó peregrino ata o Santuario de Nosa Señora do Camiño (Os Remedios), parroquia de Tiobre.
O peregrino cruza o río Mandeo pola Ponte Vella e entra en Betanzos polo Arco da Ponte Vella, unha das portas da muralla medieval. A rúa dos Prateiros conduce ata a Porta da Vila e á populosa praza de García Irmáns. Deixando atrás esta praza, a ruta segue pola rúa do Rollo ata a ponte vella das Cascas, sobre o río Mendo. Abandona o núcleo urbano e segue ata os lugares de Couto, Campoeiro e Xan Rozo, para entrar, máis adiante, no Concello de Abegondo. Deixa atrás Limiñón, cruza a súa ponte, pasa por diante da igrexa de Santo Antón de Cos e avanza en dirección á aldea de Cima de Vila. A ruta pasa entre as súas casas, moi preto da igrexa de Santiago de Meangos, e continúa ata a ponte de Presedo, que cruza e segue ata a igrexa de Presedo. Prosegue despois polo monte e pasa polos lugares de Leiro e Loureiros.
Segue o Camiño Inglés en dirección a Francos, deixa atrás os sombreados lugares de Matiño e Boucello, chega á vella e abandonada ermida de San Paio e continúa ata a igrexa de San Tomé de Vilacoba. Axiña chega ó núcleo de Monte, penetrando nun bosque que conduce ata Fontela e a Malata.
Unha vez no Concello de Ordes, a ruta penetra nunca zona agrícola ata chegar a Bruma (Concello de Mesía), onde existen restos do antigo hospital de peregrinos de orixe medieval, vinculado ó hospital de Santiago. Na aldea de Bruma hai un novo albergue de peregrinos, despois de rehabilitarse unha antiga casa rural, con 21 prazas.

Tramo de A Coruña a Bruma

Comeza o itinerario na igrexa de Santiago. Continúase ata a Porta Real, moi preto da Praza de María Pita. A ruta segue cara ós Cantóns pola avenida da Mariña, cos seus soportais e emblemáticas galerías. Segue polas rúas Sánchez Bregua e Linares Rivas ata Catro Camiños e continúa polas rúas Fernández Latorre e Pérez Ardá, cara ó arrabalde de Eirís.
A ruta coincide co camiño real de Castela ata Palavea e o Portazgo, deixa o concello coruñés e entra en Culleredo. Pasa pola Corveira e Rutis e segue ata a igrexa parroquial de Vilaboa. Tras pasar unha ponte do XVIII continúa ata Alvedro.
Segue despois ata A Costa, deixa atrás o río Valiñas e chega ó Concello de Cambre. Atravesa as parroquias de Sigrás e Anceis. En Castro de Sigrás apréciase o perfil do poboado prerromano, nas abas do cal se construíu un hospital de peregrinos, e a igrexa románica de Santiago de Sigrás.
A ruta conduce á igrexa románica de Anceis, deixa atrás as ruínas das fábricas de papel e curtidos e continúa ata Drozo e o Pazo de Anceis, antes de cruzar o norte do Concello de Carral por San Martiño de Tabeaio, Corpo Santo, Belvís, Montecarlo, Rúa e Baílica. Entra en Abegondo, separado de Carral polo río Barcés, pasando por Aquelabanda e Desabanda, Calle e Fontán, preto de Sarandóns. Segue ata San Bartolomé e As Travesas e chega ó Hospital de Bruma pola Malata.

Tramo de Bruma a Santiago de Compostela

Dende a capela de Bruma, a ruta conduce ó Concello de Ordes, pasando por Seixo, Cabeza de Lobo, cruza a parroquia de Ardemil, para seguir ata os lugares de Carreira, Mámoas e Carballeira. A ruta, despois dun camiño de monte, chega ó lugar da Rúa, coa igrexa de San Paio de Buscás.
O peregrino deixa atrás o muíño de Trabe, cruza a ponte do Cubo e segue cara a Outeiro de Abaixo. Un carreiro entre árbores leva á igrexa de San Xiao de Poulo, en Outeiro de Arriba.
O peregrino percorre Senra e Calle. Continúa ata Carballo e chega ó lugar de Casanova.
O camiño cruza a ponte de Ponte Pereira, métese no bosque e chega ó lugar de Carrás. Nesta zona de prados existen numerosos mananciais, polo que, ás veces, a ruta está impracticable.
Despois segue ata o lugar de Baxoia, lugar de amplas panorámicas, xa no Concello de Oroso. A Baxoia Pasando Baxoia atravésase a autoestrada a uns douscentos cincuenta metros do núcleo. Seguimos unha corredoira que leva ó Cacheiro. No Cacheiro collemos á dereita en dirección a Sigüeiro, distante seis quilómetros; pásase por zona de pastos e cultivos, e a carón do núcleo de Oroso de Abaixo, todo por pista de concentración parcelaria. Por ela chegamos ata perto de Sigüeiro, xirando á esquerda e saíndo á estrada no lugar da Foca. Seguimos ata Sigüeiro, onde, ó chegarmos ó cruce con N-550, collemos á dereita e atravesamos a ponte sobre o río Tambre. Que é unha ponte románica do século XII amañada no XIV e recentemente ensanchada de xeito desafortunado. Despois de pasar o ponte de Sigüeiro sobre o río Tambre, o peregrino está no Concello de Santiago de Compostela. Unha vez cruzada a ponte, hai un camiño asfaltado á esquerda que nos leva á igrexa de Barciela. Tomamos o camiño á dereita que pasa fronte a ela, xunto ó palco de música. Ó pouco pasamos por unha escola abandonada. Sempre cara a dereita, desembocamos na estrada que vai ó aeroporto. Cruzamos esta estrada en línea recta, subindo por un camiño de terra, que despois xira á esquerda e vai facendo zig-zag en forma paralela á autopista. Chegamos a un paso subterráneo da mesma, sen facerlle caso, marchamos paralelamente á autopista. Despois pasamos un piñeiral e no seguinte paso baixo a autopista, cruzámola cara á dereita. Hai un campo de fútbol (Marantes) á dereita e unha gran pedra á esquerda. Torcemos á esquerda e logo á esquerda outra vez, onde hai un cruceiro. Máis adiante encontramos a capela da Agualada. Pasámola e torcemos á dereita, chegando así á estrada N-550, que atravesamos por un paso subterráneo. Deste lado da estrada atopamos uns muíños e unha fonte, a “Fonte do Inglés”. De seguida collemos un camiño á esquerda, e logo á dereita, polo camiño que vai paralelo á N-550. O camiño segue ata un pequeno río, río Sionlla, que se atravesa pola estrada. Ó cruzar a ponte deste río, subimos cara ó colexio e o campo de fútbol. De inmediato torcemos á esquerda, en dirección ó castro que se ve no alto. Ó pasalo vemos unha canteira e logo o hotel Castro, pasando por detrás. Seguimos o camiño entre árbores, e desembocamos na vía Galileo, no polígono industrial do Tambre. Pasamos pola rúa das Mulas, rúa do Tambre e Meixonfrío, acabando na N-550. Seguimos esta estrada pasando polo antigo Mercado de Salgueiriños, por San Caetano, seguimos cara Pastoriza, Os Basquiños, Santa Clara, rúa dos Loureiros, Porta da Pena, Praza de San Martín Binario, rúa da Troitra, Acibechería, Vía Sacra, Casa da Parra, Quintana e Catedral.

Aquí saliéntanse algúns dos peregrinos e viaxeiros máis ilustres do pasado.
O primeiro peregrino escandinavo a Galicia seica foi o rei noruegués Sirgud no 1108, e o primeiro anglosaxón parece que foi o que despois sería San Godric, na primeira década do século XI.

As cruzadas medievais van dar lugar á chegada á Coruña dun grande número de peregrinos. Durante a terceira cruzada, no 1189, sesenta navíos dinamarqueses tardaron dez días en chegar desde Inglaterra á Coruña. Na quinta cruzada, chegaron no 1217 ao porto da Coruña 350 barcos con cruzados holandeses, xermanos, frisóns, flamencos e noruegueses, e todos dunha vez. Nun día e nunha noite foron a Santiago. Estiveron na Coruña nove días; impacientes, moitos zarparon antes de se calmaren os ventos e naufragaron en distintos puntos da costa galega; cando se volveron a xuntar en Lisboa para intervir na Reconquista portuguesa xa tiñan morto un terzo.

No 1386, no marco da Guerra dos Cen Anos, o Duque de Lancaster fixo unha visita guerreira a Compostela. Tardou cinco días en facer a travesía desde Brest á Coruña; cando uns cabaleiros-peregrinos franceses que estaban en Compostela se decataron, montaron a cabalo e chegaron aquela mesma noite; pero non poideron evitar que o Duque co seu exército chegase ás portas de Compostela, cuxas chaves lle foron entregadas.
A finais do século XIV a romaría marítima medrara dun xeito notorio.

No 1417 a escritora Margery Rompe, coñecedora tamén de Roma e Xerusalén, empregou unha semana na viaxe de Bristol á Coruña e cinco días para o regreso.
A narración de William Wey, mestre en Eton, da súa travesía á Coruña no 1456 é probablemente a maior contribución individual inglesa á historia das peregrinacións dende as Illas británicas. No relato conta, entre outros aspectos, os seus tres días na Coruña; narra, por exemplo, como ouviu predicar en inglés a un bacharel desa mesma nacionalidade na igrexa dos franciscanos da Coruña.

Ademais dos ingleses, os alemáns tamén foron moi asiduos do porto coruñés; sirva como exemplo que no ano 1473 partiron de Hamburgo catro navíos en dirección á Coruña.

O bispo armenio Mártir de Arzendjan fixo unha peregrinaxe a Roma en 1489, achegándose despois a Santiago.
Tamén membros da familia real española fixeron peregrinación a Compostela usando o porto coruñés. Carlos I, no 1520, embarcou desde o porto coruñés para ser coroado emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Tamén Felipe II fixo desde A Coruña a viaxe por mar para casar coa raíña María Tudor de Inglaterra en xuño de 1554.
A Reforma protestante provocou a crise da ruta marítima xa que os que máis a utilizaban (ingleses, escandinavos, e xermanos do norte) foron os primeiros en adherirse ás novas ideas.

O astrónomo veneciano Bartolomeo Fontana viaxou a Compostela no ano 1538, entrando en Galicia por Ribadeo e pasando polas rías de Ortigueira, Ferrol e Ares na que se hospedou no hospital de Pontedeume situado no medio da ponte, e da que dixo “en todos os meus días nunca vin unha ponte de semellante lonxitude”.
Tamén o futuro Cosme III de Médicis fixo unha viaxe a Compostela, aínda que, segundo contan, non quedou moi satisfeito dela.

En 1609 viaxou a Compostela Jacobo de Sobieski, pai de Xoán III rei de Polonia.
Un valioso testemuño para o coñecemento do Camiño Real da Coruña a Santiago, e de Ferrol a Santiago, constitúeno as viaxes que fixo o Padre Martín Sarmiento no 1745 e 1754 da que nós nos servimos.
No 1806 o conde e arqueólogo francés A. de Laborde deixou relatada a viaxe Coruña-Santiago, marcando as distancias en leguas; afirma que o camiño é moi fermoso.

No século XIX houbo un rexurdir das peregrinacións o que ten moito que ver co espírito emprendedor de Thomas Cook; foi el quen fixo a primeira expedición organizada a Terra Santa no 1867.
Hoxe en día a peregrinación acadou un impulso espectacular que ten moito que ver coa idea da viaxe, o espazo e o tempo para a meditación, para a conversa cos outros e, sobre todo, cun mesmo.