Gran éxito da "showcooking" de Oroso na Primavera no Camiño Inglés, que tivo lugar en Ferrol

A céntrica praza de Armas de Ferrol, recentemente remodelada por completo, acolleu o sábado 19 de xuño a cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés, que quedara aprazada o ano pasado por mor da pandemia. Promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés -que colle o relevo á Deputación provincial, impulsora da idea durante tres anos consecutivos-, convocou aos municipios que conforman esa ruta xacobea para que amosasen non só as súas paisaxes senón a vida que encerran, o cal implica os produtos que poden adquirir os peregrinos ao seu paso por eles. O concello de Oroso foi, xunto co de Pontedeume, o máis visitado ao logo de todo o día, e sen dúbida o maior éxito da convocatoria foi o showcooking a última hora da mañá na que se demostrou como se fan as famosas troitas fritidas con xamón. O alcalde, Luis Rey, estivo tamén presente, xunto co concelleiro de Turismo e deputado provincial Antonio Leira. O ex alcalde Manuel Mirás non agochou a súa satisfacción, como presidente da devandita asociación organizadora, polo éxito: calcúlase que dúas mil persoas foron a ver os stands, satisfacción que fixo súa tanén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso.

diseña ASINFO