O Camiño Inglés como motor económico e xerador de emprego destaca Formoso

O presidente provincial acudiu hoxe a V edición da Primavera no Camiño e lembrou os proxectos levados a cabo pola Deputación
Esta aposta por potenciar esta ruta xacobea tradúcese en facela máis atractiva e tamén incide directamente na reactivación económica
"Non só conseguimos melloras no desenvolvemento económico dos municipios, non só conseguimos unha maior comodidade e facilidade para os peregrinos e peregrinas, senón que tamén contribuímos a unha maior creación de emprego".

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou hoxe durante quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, celebrada hoxe na alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso), a importancia "do novo modelo de camiño" como polo de atracción turístico e de impulso da economía na provincia.
"Levamos tempo traballando para construír un novo modelo do Camiño, apostando por un turismo seguro, sustentable, e accesible, que faga da provincia da Coruña un destino atractivo para os turistas, tanto a nivel nacional como internacional. Un modelo que tamén apoie a reactivación económica, e máis tras os anos de pandemia, que fixo estragos na economía do país" apuntou Formoso, que estivo acompañado do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás; da directora de turismo de Galicia, Nava Castro; do alcalde de Oroso, Luís Villaverde; e do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso e de numerosos alcaldes dos 18 concellos coruñeses polos que discorre este itinerario xacobeo.
O presidente provincial asegurou que "o Camiño é unha fonte de riqueza importante para algúns municipios, así que temos que aproveitalo e sacarlle o máximo partido" e destacou que as iniciativas postas en marcha pola Deputación e as da Asociación de Concellos do Camiño Inglés tamén inciden directamente na creación de emprego. "Non só conseguimos melloras no desenvolvemento económico dos municipios, non só conseguimos unha maior comodidade e facilidade para os peregrinos e peregrinas, senón que tamén contribuímos a unha maior creación de emprego", sentenciou.
PROXECTOS NO CAMIÑO
Unha aposta que inclúe melloras na seguridade e accesibilidade do Camiño, como a sinalización da ruta con puntos QR, que achegan información de interese aos peregrinos e peregrinas ou a recuperación das fontes de auga potable a través do Proxecto LIFE WATER WAY. O máximo responsable da Deputación tamén lembrou as campañas de promoción no Reino Unido, onde se realizou xa a sinalización dos dous primeiros tramos do Camiño Inglés desde o seu inicio na Abadía de Finchale, preto de Escocia. "O último proxecto consistiu nunha creación dunha guía do Camiño Inglés escrita en italiano, que presentamos en Roma, co obxectivo de promocionar o itinerario nese mercado. Todas estas melloras, e outras moitas, que levamos facendo desde hai anos fan que Camiño inglés sexa una aposta segura, divertida, sostible e chea de experiencias positivas para todos aqueles que o desfruten", salientou o presidente provincial.
Máis de 3.000 persoas tomaron parte na iniciativa organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, para poñer en valor os atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, inaugurou o acto xunto ao presidente provincial e convidou a todas as persoas presentes a "descubrir o Camiño Inglés. Porque fronte á masificación doutras rutas, nós ofrecemos singularidade e destacou a "singularidade, autenticidade, seguridade, calidade, patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía... todo isto conforma o Camiño Inglés". Mirás lembrou que esta edición de Primavera no Camiño se celebra en Oroso porque "se van cumprir os trinta anos dunha reunión do Comité técnico da Asemblea de Alcaldes do Camiño Real. Por iso hoxe, case 30 anos despois, é xusto agradecer o traballo dos representantes políticos e traballadores municipais dos 18 municipios presentes hoxe, así como o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta".
Finalmente, Luís Rey Villaverde sinalou que "como alcalde de Oroso síntome honrado e estou feliz de darvos a benvida a esta quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa que representa á perfección a riqueza e o patrimonio dos territorios polos que pasa esta ruta milenaria, así como os valores do propio Camiño".
A presentación oficial rematou coa entrega dunha recoñecemento ao alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, pola súa implicación no proxecto levado a cabo xunto á Deputación, LIFE WATER WAY, que permitiu a creación dunha rede de 28 fontes públicas de auga potable nos 18 municipios do Camiño Inglés. Un proxecto europeo que supuxo un investimento de máis de 973.000 euros, dos que 370.000 foron achegados pola Unión Europea e o resto pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. O presidente provincial percorreu xunto ao resto de autoridades os postos dos representantes do Camiño Inglés a actividades que tiveron lugar durante toda a mañá como os showcookings ou os obradoiros.

diseña ASINFO