Música nos Camiños de Inglés e de Fisterra-Muxía

A música e o baile tradicionais de Xacarandaina percorrerán ao longo deste ano varios concellos do Camiño Inglés e do Camiño a Fisterra- Muxía da man do proxecto Endaterra, impulsado pola Deputación da Coruña e financiado conxuntamente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Quique Peón, director de Xacarandaina, asegura que é un traballo que non só percorre un camiño xeográfico, senón que pon en valor o baile, a música, o traxe, as tradicións e, en definitiva, o arte inmaterial do Camiño Inglés desde A Coruña a Santiago de Compostela e do Camiño de Fisterra Muxía, “dándolles unha unidade e aportándolle un selo de identidade a unha parte de Galicia marabillosa e única”, salientou. Este é un proxecto no que veñen traballando dende hai máis de tres anos “con moitísimo esforzo e que, por motivos obvios, non puidemos presentar antes”.

Este novo espectáculo foi presentado na sede da Deputación nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o deputado de Economía, Antonio Leira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e os alcaldes e alcaldesas de Culleredo, Abegondo, Oroso, Negreira, Santa Comba e Dumbría, nos que se desenvolverá o proxecto, ademais do director de Xacarandaina e representantes da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía.

Xosé Regueira valorou a importancia deste espectáculo xa que “o Camiño ten que servirnos para afianzar a nosa identidade, para entender de onde vimos e para saber a onde queremos chegar”. “Este tipo de espectáculos son os que realmente nos fan desfrutar aos que vivimos no Camiño, seguro que calquera turista que teña a oportunidade de presencialo falará del cando volva ao seu país”, afirmou.

Pola súa parte, Antonio Leira destacou a “cooperación entre institucións” necesaria para levar a cabo este proxecto “que ten un valor moi amplo, non é soamente cultural senón que tamén é patrimonial e económico”. Felicitou a todo o grupo, con Quique á cabeza, “por ese traballo de investigación do patrimonio que levaron a cabo e por ser quen de poñer en marcha estas actuacións”.

A xira comezará o 25 de xullo en Santa Comba, e despois percorrerá Negreira (15 de agosto), Dumbría (15 de outubro), Oroso (22 de outubro), Abegondo (5 de novembro) e Culleredo (19 de novembro).

 

diseña ASINFO