O concelleiro do Camiño Inglés, Antonio Leira, amosa a súa satisfacción polo proxecto de dotar de fontes á ruta xacobea.

“Estamos moi satisfeitos, dende logo”. Con estas verbas celebraba Antonio Leira, concelleiro de Turismo e Camiño Inglés, a decisión da Deputación da Coruña de destinar máis de 163.000 euros ao proxecto Life Water Way, que ten como finalidade dotar ao Camiño Inglés de 24 fontes de auga potable. “Iso vai redundar en beneficio do peregrino, e, xa que logo, de todas as localidades por onde pasa o Camiño Inglés -continuou Leira-. Non se pode esquecer que eses peregrinos deixan neste concello máis de medio millón de euros anuais, segundo cifras de Turismo de Galicia”.

O proxecto ao que se refire o concelleiro contempla non só a recuperación de fontes e mananciais, senón tamén a creación de envases metálicos reutilizables para os peregrinos. “Nuns tempos nos que é imperativo reducir a cantidade de plástico para mellorar o medio ambiente, substituír a auga xa embotellada polas fontes tradicionais só pode merecer o meu aplauso e o de todo o equipo de goberno de Oroso”, insistiu Leira. A Unión Europea tamén deu o seu apoio ao proxecto Life Water Way.

diseña ASINFO