A Coruña - Sergude

Albergue de Sergude


Hoxe coma onte, o porto da Coruña é un dos puntos de partida daqueles que, cunha motivación ou outra, queren facer o Camiño Inglés. Unha ruta xacobea con dous posibles inicios, posto que tamén comeza en Ferrol. Pero dende o punto de vista histórico foron máis, moitos máis, os que botaron a andar desde a cidade que alberga o faro máis antigo do mundo dos que aínda están en funcionamento: a Torre de Hércules.
Este non foi nunca o inicio, o km 0, porque os peregrinos chegaban aquí tras unha viaxe por mar, case sempre dende as costas inglesas. E ao poñer un pé a terra, coas molestias propias dunha viaxe dura que en ningún caso esixía menos de cinco días, ben ou mal ían ata a igrexa de Santiago, na Cidade Vella. Alí dábanlle grazas ao santo por haber amarrado en porto sans e salvos, e botaban a andar.
O camiñante actual está a percorrer unha urbe cun gran pulo e cun dos portos máis importantes do norte de España. A vella rúa Real queda ás costas, e co mar como compañeiro sempre á esquerda vai ascender ao alto de Eirís, o camiño tradicional de entrada e saída á urbe.
Descende logo e sae do concello poñendo os pés no de Culleredo e buscando Fonteculler como referencia, mentres o océano se vai ir convertendo en ría cada vez máis estreita. Unha ría que se bordea literalmente por unha zona moi grata e de recheo. Á outra man vai distinguir unha igrexa románica de bela factura, recuperada tras un voraz incendio a principios deste século. É a de Santiago, e antes que a homónima de Coruña cumpriu idéntica función. E é que os peregrinos desembarcaban tamén no Burgo, máis protexido dos ventos, o cal quere dicir tamén das ondas.
O templo amosa unha soa nave, planta de cruz latina e tres ábsidas románicas. Como en multitude de igrexas galegas, a fachada foi remodelada nesa época de benestar económico en todo o noroeste peninsular que foi o século XVIII. Ou sexa, tempos nos que se impoñía o estilo barroco en edificios e altares.
Así o peregrino chega a unha gran ponte, rehabilitada de forma sobresaliente. É o do Burgo, de base medieval e que sufriu varias modificacións co paso do tempo. Por certo, os ingleses voárono para atrasar o avance das tropas de Napoleón, en tempos da Guerra da Independencia, primeiros anos do século XIX.
Pero o peregrino non o cruza. Vai ir por unha zona de vivendas con algúns xardíns, zonas verdes e ata hortas. Como referencia, á destra vai deixar o aeroporto da Coruña, por suposto a unha respectable distancia, para logo baixar e cruzar unha corrente de auga por unha pequena ponte erguida na Idade Media e chamada Ponte da Xira.
Máis tarde o peregrino atopa un cruceiro, xa en ascenso curto pero forte, veciño dun edificio nobre (a Casa de Atocha ou Pazo da Igrexa, barroco do século XVII) e unha fornela con Santo Antón e coa lenda “Si buscas milagro mira. Ano 1815”. É todo iso a antesala dun dos pesos pesados do Camiño Inglés: o conxunto histórico-artístico de Sigrás, municipio de Cambre, que suma ao seu valor intrínseco o atoparse nunha contorna que chama ao descanso e ao relax.

Hospital de Peregrinos


Aí está, en efecto e a pouco menos de 60 km de Compostela, o cruceiro, o gran pozo, a igrexa de Santiago o Maior inequivocamente románica do século XII (nave e boa parte da ábsida) e un edificio de grandes volumes que é a reitoral. Pero antes, moito antes, foi un hospital de peregrinos, o único de todo o Camiño Inglés que se conserva en pé e que pide hoxe en día un estudo documentado posto que todo apunta –a tradición oral tamén– que era o lugar onde os que desembarcaban na Coruña pasaban a súa primeira ou segunda noite (dependía da hora de arribada).
O lugar reclama en ningún caso menos de 15 ó 20 minutos, e non só pola foto senón pola maxia do enclave, ao que axuda a porta gótica da parte sur (século XV) e a fachada (do XVII), esta última un auténtico catálogo de elementos barrocos, neoclásicos e renacentistas.
O peregrino ten ante si unha zona practicamente chaira. Logo dun curto e precioso tramo de terra (marco 58,485) acomete por beirarrúa outro de 700 m e chega a Anceis. Espera logo a praza de San Marcos, con auga potable, un banco que se agradece, un cruceiro e un marco xacobeo. Algo máis alá, e sen problema algún de sinalización, máis terra baixo os pés.
Aos 300 m queda a área recreativa A Lameira, con auga potable e catro mesas, próxima a unha estrada (identificada como CP-2103) que cómpre seguir pola esquerda. Son 1.100 m que reclaman e esixen precaución, posto que é unha vía ancha aínda que o tráfico é escaso.
Unha vez percorrida esa distancia, o peregrino atópase ante as portas do albergue de Sergude. E é que desde fai un anaco xa está pisando o municipio de Carral.

Sergude - Hospital de Bruma

Albergue de Bruma


O peregrino que partiu do porto da Coruña acomete a segunda etapa. Sairá do albergue de Sergude (municipio de Carral) e chegará ao de Bruma (municipio de Mesía). Unha etapa que non é difícil, pero que está caracterizada por unha subida moi longa e moi sostida. Non se acometen enormes ramplas que esixan un gran esforzo, pero hai pouco terreo chan. O cal ten, entre outras vantaxes, que a panorámica da paisaxe vaise ir ampliando. O camiñante empeza a xornada descendendo un quilómetro medido xenerosamente. Pisou asfalto, que agora vai deixar desviándose á dereita por un camiño ancho e en principio paralelo a un río que axiña vai esquecer posto que sobe. Vai penetrar nun bosque mixto, de carballos autóctonos e eucaliptos de repoboación. Outro quilómetro máis e cruza unha estrada ancha en Bailía. Aos 200 m séguese pisando terra, agora en descenso coa compaña de máis eucaliptos, ata chegar á aldea de Aquelabanda, gañando unha vía ancha que ofrece unha sorpresa alí mesmo: a pequena e entrañable capela de San Xoán, cun escudo heráldico na súa sinxela fachada.
Algo máis adiante ergueuse o Pazo de Barral, un elegante edificio datado na primeira metade da centuria XVI. Nel hospedouse o rei Felipe II cando o calendario marcaba o ano de 1554. O monarca ía rumbo á Coruña para embarcarse cara Inglaterra. Na fachada do pazo, dous escudos cunha lenda que recolle precisamente esa estancia real chaman a atención do visitante. De todos os xeitos, non é en absoluto mala idea facer unha pequena parada á altura da capela de San Xoán, posto que esperan 3,3 quilómetros con pendente ascendente. Certo é que aos 2,7 hai un pequeno descanso. Ou sexa, que a estrada é aí chá, aínda que é unha moi curta ilusión. En conclusión, o recomendable é subir todo de vez aínda que sexa con paso lento.

Capela de San Xoán


Iso si, en ningún momento o camiño é estreito ou incómodo. É, tamén hai que dicilo, un longo tramo en soidade, primeiro entre árbores, logo, a medida que se toma altura paso a paso, a campo descuberto. E o peregrino achégase a un cume e penetra nun espazo de enormes dimensións con algunas granxas abandonadas. Unha postal curiosa, dende logo non habitual en Galicia e que en calquera caso dá a impresión de que quen forma parte dela atópase moi afastado de centros urbanos. Non faltan algúns cruces á esquerda e á dereita, sen vexetación nin a unha banda nin á outra, pero a opción correcta, en calquera caso, é continuar de fronte. O simple uso do camiño tamén axuda a esa orientación elemental. A 5,9 km da capela de San Xoán, xa rematada a subida da xornada, alcánzanse as casas das Travesas. Esa estrada é a que procede de Betanzos e se dirixe a Santiago. O asfalto, ao principio, ten unha marxe ancha que dá unha certa seguridade no transitar. E logo, camiñando pola esquerda e marchando en paralelo a esa estrada nalgúns tramos (neste último caso por un carreiro), hai un lugar no cal a sinalización (marco e frecha amarela) invita a virar en ángulo recto á esquerda e penetraren por unha pista de terra. Atención: nese mesmo lugar foi pintada unha frecha que suxire continuar pola estrada, ancha e certamente incómoda. Ademais de que ese non é o itinerario oficial senón simplemente iso, a estrada tampouco levaría ao Hospital de Bruma.
Conclusión: óbviese esa segunda frecha amarela. O seguinte marco ten a cuncha xacobea por unha banda e polo outro, algo realmente raro. E é que ese é o punto exacto onde se une esta rama do Camiño Inglés, procedente da Coruña, coa que arrinca de Ferrol.
Así pois, o peregrino acomete o derradeiro tramo, unha pista relativamente longa polo medio dun bosque moi grato de cruzar, con curvas que lle dan un maior encanto. Procede salvar dous pequenos regatos, sen dificultade ningunha mesmo aínda que leven moita auga -algo habitual en Galicia fóra do verán- posto que se construíu un paso elevado que facilita o tránsito. Iso si, son dous enclaves tan sinxelos como bonitos.
300 m despois do segundo deses regatos (a mesma distancia que afasta un doutro) gáñase o asfalto, que xa non se vai deixar ata chegar ao histórico albergue, dez minutos escasos. Un albergue público, por certo, cuxa estética gaban todos os peregrinos.

Ferrol - Neda

Albergue de Neda


O Camiño Inglés é bicéfalo. E un dos seus puntos de partida é a cidade de Ferrol, situada ao fondo da ría á que lle presta nome e que, cos seus castelos a unha beira e a outra na bocana, foi historicamente unha das máis protexidas. A ese porto, entón mera aldea de pescadores, chegaban os barcos procedentes de Inglaterra e, en moita menor cantidade, doutros lugares do norte de Europa. E para eles en Ferrol tiña as súas portas abertas un hospital posto baixo a advocación do Espírito Santo.
Hoxe en día o Camiño Inglés parte do peirao de Curuxeiras, un lugar cheo de vida pegado ao barrio que foi de pescadores e que se chama Ferrol Vello. E é, en efecto, un conxunto de vellas casas que dan acceso a unha rúa con vivendas que se merecen unha ollada: as súas galerías non cegan pola súa grandeza, pero si pola súa elegancia. Esa rúa é a primeira costa que vai a acometer o peregrino, a cal remata ante unha igrexa de gran porte e enorme e sobria fachada: a de San Francisco.
O Camiño vai seguir polo Ferrol clásico, o barrio da Magdalena, construído para albergar aos funcionarios e militares que se instalaron cando esa vella localidade de pescadores se ampliou con escuadra e cartabón co único fin de aloxalos: nacían os seus famosos estaleiros; o calendario marcaba a metade do século XVIII. E dese xeito o camiñante chega ao Cantón de Molins, unha zona de descanso con multitude de bancos, aínda que se leva tan pouco tramo nas pernas que é difícil que se necesite un descanso, nin sequera sabendo que espera unha liviá e prolongada costa buscando xa a saída da cidade, que vai levar a un barrio periférico: o de Caranza.
Caranza é un sitio curioso, unha península máis ou menos redondeada chea de edificios altos. Ata mediados do século XX era unha zona rural famosa porque nas súas augas abundaban as parrochas e as luras. Mesmo ata pouco antes pertencía a outro concello que se uniu ao de Ferrol.
O camiñante vai ir por un paseo marítimo que rodea esa península, ancho e con moi gratas vistas ao que son os estaleiros e a outra beira da ría, que en toda a bisbarra se coñece como “a outra banda”. Así vai atopar unha mouteira que o vai desviar á dereita pola rúa Cartagena e, deixando un porto á mesma man, chegar a unha igrexa con bancos nun pequeno parque.
O Camiño Inglés ten agora como veciña unha praia e gana de novo o paseo a 400 m do templo, seguindo polo paseo marítimo 700 m máis, cando se atopa cunha rotonda. E como sempre sucede nestes casos, a precaución sempre é benvida. Porque ademais se entra nun polígono industrial e comercial, o cal evítase en certo xeito posto que o itinerario continúa practicamente pegado ao mar, cun suave ascenso e pertinente descenso, con bancos, deixando un pequeno porto á destra e chegando a outra rotonda.
Camiño do Vilar e Camiño do Carro son microtopónimos que se vai a atopar o camiñante pouco antes de chegar, en suave descenso, ante o mosteiro de San Martiño de Xubia, chamado tamén Do Couto, que da nome aos pementos. E ese si que é un peso pesado. Non só pola súa historia –foi incluso un cenobio dúplice, que acolleu en tempos medievais a relixiosos e relixiosas, comunidade que rematou sendo disolvida por razóns doadamente imaxinables–, senón pola súa arte.

Mosteiro San Martiño de Xubia


Ao traspasar o seu enreixado a vista non sabe onde ir. Empezando pola dereita, un busto lembra a un crego moi querido pola parroquia. Á fronte queda a entrada ás dependencias monacais e o seu patio. Un pouco á esquerda emerxe o nártice que dá acceso ao templo, en cuxo exterior destaca unha impoñente torre con campanario (de case finais do século XVIII), veciña do cemiterio de 1911.
E se se baixa a vista, catro elementos van chamar a atención. Ou mellor dito, tres, porque un pasa case inadvertido: dúas bases de columnas e un sartego datado no século XI. E que pasa desapercibido? Pois unha pedra pequena, plana, á dereita da entrada. Carece de importancia? En absoluto. É a entrada a un túnel ben feitiño que conducía –di a lenda– a unha picota que estaba case no cumio do outeiro próximo, e por el trasladaban aos reos. E xa no exterior dese complexo arquitectónico, outros dous elementos: un sagrado corazón e un cruceiro de bela factura erguido no ano 1787.
O Camiño Inglés continúa uns poucos metros polo asfalto para virar inmediatamente por terra á dereita e pasar por baixo da autopista. Ningunha complicación nin dificultade, e así se chega a un camiño ancho, con eucaliptos e especies autóctonas, que vai marchar en paralelo a unha autovía. Quince minutos logo de arrincar dende San Martiño de Xubia ese tramo chega ao seu fin, e a algo máis de dous quilómetros do cenobio aparece ante os ollos do peregrino Outeiro de Xubia, un muíño de aceas. E o corredor que procede percorrer defínese con xustiza uno dos tramos máis entrañables do Camiño Inglés, deses que se fixan na retina.
A ruta xacobea vai ir pegada á beira e por unha zona verde grata, gozosa e relaxante, encamiñándose cara a unha ponte que permite salvar o río Xubia e poñer os pés no concello de Neda, moi famoso polo seu pan. O albergue, practicamente na costa, é o punto final desta primeira etapa.

Neda - Pontedeume

Albergue de Pontedeume


Partir de Neda é unha opción para quen queira facer o Camiño Inglés. Non só porque dista máis do centenar de quilómetros esixidos para facerse coa ansiada Compostela senón tamén porque foi porto histórico de desembarco de peregrinos procedentes do norte de Europa e contou cun hospital posto baixo a advocación do Espírito Santo, do que non se conservan restos. O que si está, a pesar do traballo dos aluvións fluviais do Belelle e o Xubia, é o porto, hoxe de pequeno calado e convertido nun lugar pintoresco.
Se o peregrino durmiu no albergue, ao saír deberá visitar a grande igrexa de Santa María, dun xeneroso barroco do século XVIII, cun cruceiro de finais do XIX. No templo, o Cristo da Cadea, do que se afirma que procede de Inglaterra. A partir de aí, e tras cruzar o Belelle, espera a preciosa rúa Real. A primeira parada atópaa a poucos metros: a igrexa de San Nicolás, gótica do século XV. En calquera caso, a partir desa rúa Real, tradicional, o Camiño Inglés busca a saída do núcleo urbano, cruza a estrada xeral e comeza un pequeno ascenso por pistas practicamente sen tráfico. O peregrino vai gañar un pouco de altura -rampla curta pero forte- e logo vai ir por territorio chan, na medida en que isto se pode aplicar a Galicia. E iso vai permitir contemplar a ría de Ferrol e a propia cidade, co mos teiro de San Martiño de Xubia na outra beira, xusto onde acaba a vía do tren. Algúns topónimos chaman a atención, como Sartego e como Gunduriz, inequivocamente xermánicos. Pero o peregrino non se desvía da súa ruta e vai cara a un lavadoiro que permite refrescarse antes de descender, entrar no municipio de Fene, atopar outro lavadoiro (este de 1957) e cruzar a estrada principal que une a capital dese concello con Ferrol por unha banda, e Betanzos e A Coruña por outra.
700 metros máis adiante as rúas quedan ás costas para entrar na parroquia de Perlío por unha pista cada vez máis estreita e moi escasa de tráfico, por sorte para quen percorre o Camiño Inglés. Hai un terceiro lavadoiro cruzando a aldea de Mundín, e á saída desta un marco invita a meterse nun carreiro de terra que vai ir gañando altura ata unha zona industrial que se bordea, buscando sempre camiños de ferradura. Chégase arriba. A expresión dos alpinistas e montañeiros de “facer cume” non é moi apropiada aquí, posto que se trata de montañas moi vellas e de moi escasa altura. A partir dese punto superior invita a descender, buscando, en primeiro lugar, o municipio de Cabanas. En efecto, non queda máis subida. Ao contrario: hai que descender ata o nivel do mar, e como pano de fondo, ante os nosos ollos, un monte totalmente redondeado que figura nos mapas como Breamo. Aos seus pés esténdese unha localidade. Non chaman a atención as cores dos seus edificios, senón o gris de granito e o branco de multitude de paredes exteriores. Esa localidade cada vez máis próxima é Pontedeume, topónimo que o explica todo. E desde o Medievo unha enorme ponte une ambas as dúas beiras. Curioso: no medio abría as súas portas un hospital de peregrinos. Esa obra non se conserva, e no XIX foi substituída por unha ponte de madeira que é a antecesora inmediata da actual, a cal si mantén unha certa semellanza co primeiro.

Pontedeume


En efecto, deste xeito, cruzando a ponte, chégase a Pontedeume. A vila reclama unha visita detida posto que é un auténtico museo artístico ao aire libre. Por citar un par de exemplos que o peregrino debe visitar, aí está a igrexa de Santiago na parte máis alta e o seu torreón medieval na máis baixa. Nos seus tempos este formaba parte do gran palacio da todopoderosa familia dos Andrade, un edificio que desapareceu nos anos trinta do século pasado. Hoxe en día a visita a ese resto medieval en perfecto estado resulta altamente recomendada. Non só para admirar o seu magnífico escudo (non estaba aí orixinalmente, é da Idade Moderna) senón porque no baixo espera unha ben fornecida oficina de turismo. No primeiro e no segundo, o centro de interpretación da casa de Andrade -cunha maqueta de como era antes o pazo- e no terceiro unha sala de exposicións de gravados. Se hai sorte e o tempo axuda, é posible visitar a parte superior, desde a que se ten unha panorámica magnífica de todo Pontedeume (absterse persoas con vertixe e moito coidado cos menores). A entrada –agás, loxicamente, á oficina de turismo- custa un euro para os máis cativos e dous aos adultos. O albergue queda á sombra dese torreón, nun edificio tamén histórico, baixo e ante o final do río Eume, marcado este polo seu paso baixo a ponte azul da vía férrea. A mellor definición desta etapa? Un paseo. Se baixar sempre é máis problemático que subir, esta vez non é así: non van sufrir xeonllos nin nocellos.

Pontedeume - Betanzos

Albergue de Betanzos


Se o peregrino non durmiu en Pontedeume, ao cruzar a ponte vai seguir de fronte, entrando no núcleo urbano. Vai percorrer todo o seu casco histórico, e vaino a facer ascendendo pola rúa Real. Se pasou aí a noite, vería esa vía cando chegou o día anterior.
Espera unha subida. E moi longa. Se ata agora todo foi suave rampla arriba, suave rampla abaixo, agora a recomendación é tomarllo con calma. Primeiro, para gozar dese tesouro granítico con soportais e da fachada do Concello, deixando á esquerda (fóra da vista) o convento dos Agostiños, hoxe centro cultural veciño duns xardíns idóneos para descansar e coller forzas. Ao final desa rúa Real sería imperdoable non visitar a igrexa parroquial se non se fixo o día anterior. Trátase dun templo posto baixo a advocación de Santiago, xusto ao pé do monte Breamo cuxa cume o Camiño obvia.
E cando se chega arriba de todo espera un tramo curto, chan, para empezar o descenso. Zona verde onde as haxa, agarimosa, moi doada de percorrer con pausa, un tramo para gozar. Abandónase así o núcleo urbano e por unha pista moi estreita percórrense 300 m, con eucaliptos como compañía. E uns minutos despois aparece ante os ollos unha pequena área recreativa con tres mesas e bancos, e un lavadoiro rehabilitado, un lugar deseñado para facer unha parada.
Buíña é o nome da seguinte aldea, xa en descenso. Á dereita vai quedar un bonito bosque onde crecen piñeiros, pero tamén carballos, esta quizais a árbore que máis se identifica con Galicia.
Esa vai ser a tónica ata alcanzar a autopista, que se salva por abaixo. E novo toque de atención porque xusto aí comeza outra subida certamente dura pero curta. Trátase dunha zona de monte, e este si que é un percorrido en soidade, no medio dun bosque de repoboación de piñeiros, grato. Ás costas pérdese ao lonxe a aldea de Viadeiro, onde curiosamente hai un banco á entrada e, ademais, unha parada de autobús que xa acolleu a numerosos peregrinos cando lles sorprendeu a choiva. Aquilo que se subiu hai que descendelo. E un pouco máis, con pendente moi acentuada, sombra, debuxando unha ese.
Veñen agora dúas sorpresas concatenadas. Unha, artística; a outra, natural. A primeira é unha ponte medieval mandada construír por Fernán Pérez de Andrade, que pasou á historia co alcume de “o Bo”; é a ponte Baxoi. A segunda defínena unhas marismas dun gran valor ecolóxico, coa gran praia de Miño afastándoas dun Atlántico que aquí adoita estar máis acougado que noutras partes.
O Camiño cruza a localidade de Miño polo centro, por unha rúa tranquila. Que vai invitar ao descenso para acabar en Ponche do Porco, a nivel do mar. E en efecto, nesa pequena localidade hai un xardín minúsculo cun xabaril pétreo. E é que unha vez máis procede volver citar aos Andrade: os seus símbolos eran precisamente un xabaril e un oso.

Albergue de Miño


A ponte que ten ante os seus ollos o peregrino foi inaugurada pola raíña Isabel II no século XIX. Detrás del, pero no alto do monte, foi erguida a igrexa románica de San Pantaleón das Viñas, que segue sorprendendo ao peregrino.
Pista estreita de asfalto que marcha en paralelo á ría de Betanzos, definida esta non só pola entrega ao mar do río Mandeo senón tamén polos enormes aluvións que a corrente foi arrastrando. Non é posible esquecer a visita ás pequenas ruínas dunha capela, a de San Paio. Quedan poucos metros ata outro peso pesado do Camiño Inglés: a impresionante igrexa de Tiobre, exhibición de románico -agás a súa fachada- na parte alta dunha aldea que foi o embrión de Betanzos e chamada precisamente así, Betanzos o Vello. A antiga capital dunha das por entón sete provincias galegas xorde ante os ollos. No núcleo urbano éntrase polo santuario do simbólico e significativo nome de Nosa Señora do Camiño. Trátase dunha das non moi abundantes obras galegas encadradas na sobriedade do neoclásico. Gran descenso por preciosa rúa para gañar o nivel do mar, cruzar unha ponte, pasar por baixo dunha das portas da antiga muralla e decatarse de que se hai algunhas costas empinadas no Camiño Inglés, estas son as de Betanzos. O albergue foi aberto nun precioso edificio.

Pontedeume - Hospital de Bruma

A saída de Betanzos define a etapa: primeiro cara abaixo constantemente e, cruzado o río Mandeo por unha ponte histórica, cara arriba. Esa ponte é a Ponte Vella das Cascas (nome que a cartografía histórica tamén recolle para a corrente), a cal xa aparece citada nun documento do 1200 e que durante a guerra da Independencia foi voada polas tropas de Napoleón.
En efecto, ao deixala ás costas o camiñante enfróntase a unha subida certamente non cómoda. De maneira que a primeira recomendación da etapa non pode ser outra que acometer ese tramo amodo.
Aos 800 m, sen beirarrúas, déixase á esquerda a Estación de Tratamento de Auga Potable -coa silueta dun peregrino destacándose ante o ceo- e éntrase nun eucaliptal, tendo que facer máis adiante un pequeno zigzag entre eucaliptos de enorme porte e algúns piñeiros.
Un humilde banco sentiu como sentaban nel centos de peregrinos a coller un pouco de alento. É o km 2,4, e xa espera un bosquete de especies arbóreas autóctonas. Posteriormente a entrada nun piñeiral deixa sitio aos eucaliptos ao final e primeira baixada desde a Ponte Vella das Cascas.
É este un tramo cómodo que permite recuperar o ritmo cardíaco. No km 4,3 crúzase unha estrada deixando a man esquerda un campo de fútbol e, por pista ancha de terra, con sombra e firme irregular, o camiñante ten por compañeiro ao toxo e, en xeral, aos infinitos matices galegos da cor verde.
Ese tramo acaba nunha estrada e un cartel avisa que se entra nun espazo Rede Natura 2000, aínda que dun xeito tanxencial. O Camiño Inglés percorre agora un val pequeno que dá paso a unha rampla ao final, a cal conduce á igrexa de Cos. Nese momento lévanse nas pernas 6,6 km dende a saída de Betanzos.
O Camiño Inglés presenta nesa zona un deseño que quizais desoriente un pouco, pero todo ten a súa explicación: é o xeito máis directo e seguro de acometer un tramo de terra de case medio quilómetro, precioso e en baixada. A iso séguelle outro zigzag constante, entre vivendas unifamiliares e que vai gañando altura.
O campanario dunha igrexa branca serve de referencia visual (vaise deixar á dereita), mentres árbores froiteiras imprimen o seu carácter nunha paisaxe grata e suave. Desa forma, e logo doutro tramo de terra que agradecen os pés, o Camiño Inglés entra en Presedo pola estrada DP−0105. Aí abren as súas portas un albergue (á beira da igrexa) e o mesón-museo Xente no Camiño, curioso lugar cheo de personalidade propia e parada habitual de peregrinos.
Un par de quilómetros máis adiante está a igrexa vella de San Paio. E no medio, tramo de terra excepcional e tramo de asfalto por pista case sen circulación algunha. Preto dese templo, unha casa de comidas.
O Camiño desvíase á destra. Nese punto foi construída unha gran fonte, como querendo avisar que refrescarse constitúe unha interesante opción porque ante os ollos espera a maior costa de toda esta ruta xacobea. Á esquerda deixa o novo santuario de San Paio, sen interese artístico pero boa referencia visual. Segunda recomendación, semellante á primeira: non se pode ir con présa, senón que procede ir amodo porque a pendente tira, e moito. Xa no alto, nova sorpresa: un cruceiro que os peregrinos converteron nun lugar onde depositan un obxecto. Que tipo de obxecto? Pois hainos de tantas clases que a súa relación resulta imposible. Chaman a atención as camisetas e as gorras, así como fotos e postais.
Toca ir 400 m á beira da autoestrada, pero non se ve grazas a un muro vexetal. Crúzase por unha ponte e o asfalto invita a subir.
Aos 2,1 km do cruceiro o desvío xorde á esquerda. Con todo, a man contraria foi colocado un cartel que interesará aos amigos da arqueoloxía: por aí se vai a Castromaior, un xacemento prehistórico sen escavar.
1,7 km máis adiante, un curioso edificio foi aproveitado para informar de que quedan 3 km a Hospital de Bruma e, xa que logo, ao albergue. Todo vai ser chan agora, e tras un anaco de terra aparece ante os ollos unha granxa. Fronte a ela, unha mouteira convértese no punto onde se xunta esta rama do Camiño Inglés, que procede de Ferrol, coa outra que procede da Coruña.
A meta do día está, pois, moi preto, pero a ruta aínda depara outra sorpresa: un tramo relativamente longo polo medio dun bosque moi grato de cruzar e que remata xa nos arredores de Hospital de Bruma. E aí espera un albergue cuxa estética todos os peregrinos gaban.

Hospital de Bruma - Sigüeiro

A saída desa pequena localidade que é Bruma, a 425 m sobre o nivel das ondas, lévase a cabo enfilando o sur con lixeira inclinación ao oeste e deixando á esquerda o moderno bar -o outro punto de encontro dos peregrinos xunto co albergue- e a pequena e entrañable parroquial posta baixo a advocación de San Lourenzo.
A perda non entra no capítulo do posible posto que a sinalización é boa, e aos 700 m unha mouteira xa lle indica ao peregrino que restan pouco máis de 40 km ata o sepulcro do Apóstolo. Non hai nin subidas nin baixadas significativas na hora seguinte, ata internarse por un bosque con suave descenso, de maneira que a comodidade no camiñar vai ser unha característica deste tramo.
Tres quilómetros xusto despois do albergue o peregrino atópase en San Pedro de Ardemil, unha parroquia moi poboada cunha igrexa sobria e en excelente estado que vai quedar á esquerda, 400 m antes dun bar e cunhas pedras que serven de banco para recuperar un pouco o pulso. Semellante cometido cumpre un banco situado 1,9 km máis aló, pasado o cartel de Mámoas. E aínda 300 m máis lonxe dese banco o peregrino agradece que o Camiño Inglés teña firme de terra: apártase á destra con suave ascenso entre piñeiros (axiña baixa) e, polo tanto, con sombra.
Trátase dun tramo caracterizado polos seus múltiples cruces, convenientemente ben sinalizados. Na estrada de novo chegaremos a outra parroquia, Buscás, cunha casa de turismo rural, un bar e un cruceiro situado no alto dunha base con moitos chanzos. E fronte a todos eles, un parque infantil.
200m logo da igrexa, na bifurcación á esquerda, para continuar todo recto e acometer o suave descenso que leva ás casas de Vilariño. A 1,2 km do templo o peregrino vai virar en ángulo recto á esquerda para penetrar nunha pista de terra que mediante unha ponte salva un río e invita non a seguir de fronte, senón a bordear a corrente gañando altura de xeito gradual. Como é lóxico, en época de choivas esa parte baixa adoita ofrecer algunha dificultade, pero en absoluto imposible de salvar.
Un pouco máis adiante vaise a cruzar por un túnel unha estrada ancha e con tráfico (pola dereita conduce a Ordes, con todos os servizos, pero a máis dunha hora de camiño), para logo virar á esquerda por terra a inmediatamente á dereita. Un tramo salvaxe que deixa á destra a reitoral de Poulo, que así se chama esta parroquia, e unha casa de turismo rural. Un túnel de árbores vai marxear a igrexa local e o Camiño sae máis adiante para se xuntar coa pista, ancha, xa asfaltada e sen sombra, que a súa vez conduce a Rúa tras 1.300 m.
Á saída de Rúa, á esquerda e logo á dereita. Aí está a capela de Nosa Señora da Mercé. Así se chega ao seguinte punto digno de ser mencionado: o cruzamento da estrada DP−8802, que esixe, como sempre nestes casos, prudencia. Todo recto para meterse en camiño de terra 900 m máis aló dese cruzamento, agora cos piñeiros como compaña, e 100 m máis adiante coller o desvío da dereita, ancho, cómodo e chairo. Outros 200 m e o peregrino segue recto por un auténtico túnel de árbores.
Novo tramo por estrada para desviarse á esquerda por terra onde o marco así o indica, uns centos de metros moi agradables que van ir, ao final, en paralelo a un río. Hai que cruzalo por ponte ancha e máis adiante, 250 m, desviarse á dereita por terra. É este un camiño estreito que se anchea e que vai ofrecer 500 m moi tranquilos e en soidade, ata que se chega a Carrás, un minúscula aldea.
Aí o Camiño Inglés segue de fronte, cun curto ascenso -400 m- que pasará a formar parte dese catálogo de sitios inesquecibles que todo peregrino vai elaborando paso a paso. Nada lle indica que entra no municipio de Oroso, e tras suave descenso chega Baxoia e enfila cara a Sigüeiro.
A entrada neste derradeiro núcleo é outra das marabillas do Camiño Inglés. Ninguén afirmaría que é longa, desde logo, pero si que resulta abraiante. Porque chega aos arredores do colexio chamado precisamente así, Camiño Inglés, e vira á esquerda para penetrar nun parque metade salvaxe, metade urbano, coñecido como O Carboeiro xa que ese é o nome do río que lle dá vida. Un bosque oculta a vila, e ábrese pouco despois de que o peregrino pase pola histórica ponte da Ulloa, que dese xeito denominábase antigamente esa ampla zona. E cae dentro do moi probable que esa ponte tan humilde como bela vise pasar, entre outros moitos, ao emperador Carlos I de España e V de Alemaña en 1520.
Segue o Camiño Inglés sendo de terra. Á súa esquerda queda a piscina municipal (onde no período estival funciona tamén un Punto de Información do Camiño Inglés) e o centro de saúde, para gañar a praza do Concello. O único inconveniente para o peregrino é que Sigüeiro non foi aberto por agora ningún albergue público, aínda que si ten oferta privada.

Sigüeiro - Santiago de Compostela

O núcleo urbano de Sigüeiro, hoxe con pulo e que alberga o único Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI) do mundo, naceu e medrou grazas á ponte medieval que aínda se mantén en pé e que presta un por agora insubstituíble servizo: por el pasan milleiros de coches cada día, xa que é o punto de unión co concello de Santiago.
Os cambios que sufriu na súa plataforma no século XX impiden contemplalo en toda a súa magnitude e ata grandiosidade, así que o mellor é descender polas escaleiras que arrincan á esquerda co fin de contemplar toda esa obra en granito, cos seus estupendos taxamares.
Arriba de novo, crúzase a ponte e aos vinte metros vírase en ángulo recto á esquerda, por unha pista de asfalto estreita (precaución: ao principio carece de marxes de terra e de beirarrúas) e así se gaña en cinco minutos a igrexa de Barciela, un edificio de comezos do século XX (1917) en moi bo estado e que cómpre deixar á esquerda. Porque ese é o inicio dunha pista ancha de terra cuxa única dificultade estriba na pendente, que tira o seu. Á dereita vai ir quedando un muro que constitúe toda unha pequena obra de arte, e que se abandona cando non queda outro remedio que cruzar unha estrada que adoita ter tráfico posto que comunica Sigüeiro co aeroporto compostelán de Lavacolla, estrada que dista 900 m da mencionada igrexa. Sen ánimo de ser reiterativos, recoméndase precaución, sobre todo se é un día de néboa e, por suposto, se o sol xa se puxo.
E continúa a subida por unha pista ancha, de terra e cómoda de camiñar, facendo constar que a pendente aumenta ata que se leva nas pernas medio quilómetro dende o cruzamento coa estrada. Antes, aos poucos metros desta última, xorde outra pista á esquerda que marxea unha vivenda e que non se colle, polo cal hai que seguir ascendendo. Veñen logo varios cruces perfectamente sinalizados, sempre sen cambiar o tipo de terreo nin de contorna, no medio dun bosque de piñeiros que se agradece, e moito, no verán. Pero precisamente por iso, porque hai cruces, imponse ir atentos ás mouteiras en días de escasa visibilidade ou pola noite: non resulta imposible despistarse.
De maneira que tras ter andado por unha chaira 1,3 km toca baixar, como sucede unha e outra vez nas etapas galegas de calquera Camiño de Santiago. Aos 500 m de descenso aparece ante a vista, pola dereita, a autoestrada. Agora os carballos substituíron aos piñeiros, e outro medio quilómetro máis adiante o Camiño vai marchar en paralelo a esa vía de alta capacidade un pequeno tramo. E vaina a cruzar 200 m máis aló, por un túnel que vai dar acceso ao asfalto e a unha zona de vivendas unifamiliares.
Neste caso é a estrada nacional a que vai marchar en paralelo á ruta xacobea, sen que apenas se divise e sen molestar o ruído. E 1,3 km logo de cruzar a autoestrada polo túnel o peregrino atoparase unha gran área recreativa que inclúe xogos para os máis pequenos e bancos, así como un cruceiro. É Augalada, un lugar ideal para un primeiro descanso, moi preto da igrexa homónima, que está á vista, un templo sinxelo con dous animais pétreos e terroríficos flanqueando a súa porta.
Vén a continuación un minúsculo tramo pegado ao asfalto, para deixar este sobre as cabezas e cruzalo por un túnel, con desvío a escasa distancia, agora á esquerda, por unha pista de terra que vai dar ás casas de Vilasuso. Se se olla á dereita, aos 20 metros arrinca unha pista á esquerda deixando un outeiro a man contraria. Esa é unha aldea prehistórica, un castro, sen escavar pero coas súas magníficas murallas ao descuberto. Unha experiencia.
Aquí xorden dúas posibilidades. Unha é facer caso ás mouteiras, cunha vantaxe e un inconveniente: a primeira é que se acurta un quilómetro, unha subida e crúzase un pequeno pero bonito bosque autóctono; a segunda, que a paisaxe non é tan bonita e, ademais, espera un pequeno tramo pola estrada nacional.
Se se elixe a segunda, bordearás o castro. No seguinte cruzamento, á dereita, para logo pasar baixo a vía do tren (aí volve haber mouteiras) e comezar a subir. Arriba, unha pequena zona de descanso que ninguén despreza. Vantaxes? Bonita paisaxe de monte, máis tranquilidade, ausencia de vehículos. Desvantaxes? O quilómetro que se percorre de máis e a pendente.
Se se vai moi canso ou con certa e relativa présa, mellor a primeira opción. Se non, a segunda.
Un e outro ramal conflúen á entrada dunha zona de industrias, o polígono do Tambre, que se cruza para marxear o vello cemiterio de Boisaca e entrar en territorio urbano. Á sinistra ergueuse a capela de San Caetano, e detrás dela o gran complexo do mesmo nome, sede principal da Xunta de Galicia e noutros tempos instalacións militares. Só queda continuar todo recto para poñer os pés no casco histórico pola Porta da Pena, hoxe inexistente e no seu día unha das que interrompían a muralla que rodeaba unha cidade Patrimonio da Humanidade.

deseña ASINFO