O centro cultural de Sigüeiro acolle o I Encontro Internacional no Camiño Inglés, que organizan o Concello de Oroso e a Deputación.

Incluirá conferencias de investigadores do CSIC, da Universidade de Durham e do Xacobeo, canda unha mesa de alcaldes do Camiño.

O Concello de Oroso e a Deputación da Coruña organizan o 5 e 6 de outubro o primeiro Encontro Internacional no Camiño Inglés, que este ano estará dedicado á figura de Margery Kempe cando se cumpren 600 anos da súa peregrinación a Santiago. Unha iniciativa que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro, con entrada libre e de balde.

O encontro será inaugurado este xoves 5 de outubro, ás 19:00 horas, polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás; pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e polo deputado provincial responsable de Turismo, Xosé Regueira, que impartirá a conferencia “Panorama turístico da provincia da Coruña e o papel do Camiño Inglés”.

Unha vez rematada a charla terá lugar a inauguración da exposición “Olladas ao Camiño Inglés”, unha selección de 34 augatintas de José Yáñez que reflexan os principais elementos patrimoniais do Camiño Inglés. Poderá contemplarse no centro cultural de Sigüeiro ata o 11 de outubro. A xornada rematará cunha degustación gastronómica de troitas de Oroso e tortilla e viño de Betanzos.

Conferencias

A xornada do venres 6 de outubro abrirase ás 10:30 horas coa conferencia “Peregrinación y lengua. El Camino Inglés en la Edad Media”, a cargo da doutora Penélope Johnson, da Universidade de Durham (Gran Bretaña). Ás 12:15 horas, o alcalde orosá Manuel Mirás impartirá a charla “Que fai Oroso polo Camiño Inglés?”, ao que seguirá unha mesa redonda de alcaldes de municipios polos que pasa o Camiño Inglés. Ademais do alcalde orosán, tamén está confirmada a participación dos rexedores de Carral, José Luís Fernández Mouriño; Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; e Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes; quedando por confirmar a asistencia do alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez. A xornada da mañá rematará cunha visita ao Centro de Estudos Internacionais do Camiño Inglés (CEICI) e sinatura no seu libro de honra.

Pola tarde, o doutor Miguel García-Fernández, do CSIC, impartirá a conferencia “Peregrinos e peregrinas na Idade Media”; e o doutor Manuel F. Rodríguez, do Xacobeo, falará de “Margery Kempe e outras peregrinas do Camiño Inglés”. A xornada rematará cun percorrido polo Camiño Inglés ao seu paso polo Paseo do Carboeiro e a colocación dunha placa dedicada a Margery Kempe.

Margery Kempe é a primeira muller peregrina do Camiño Inglés da que se ten constancia documental. Fixo a súa peregrinación no ano 1417, embarcando en Bristol para facer a súa peregrinación a Compostela. Escribiu o “Libro de Margery Kempe” (1438), que está considerado a primeira autobiografía en lingua inglesa.

deseña ASINFO