A alameda de Góis en Sigüeiro (O" />

Presentación da "Primavera no Camiño Inglés" na Diputación da Coruña

 

A alameda de Góis en Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado 4 de xuño a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea que conecta A Coruña e Ferrol con Santiago de Compostela.

Unha iniciativa que foi presentada esta mañá na sede da institución provincial polo seu presidente, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, que estiveron acompañados polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira Varela, o portavoz do Goberno provincial Bernardo Fernández e o deputado provincial e concelleiro de Turismo de Oroso, Antonio Leira Piñeiro.

"Trátase da quinta edición dun evento xa consolidado, co que queremos fortalecer e darlle vigor á economía, a historia e a tradición vinculada a este Camiño que discorre integramente pola provincia da Coruña", afirmou o presidente.  

Formoso destacou o "importante retorno económico" que o Camiño ten para os concellos, así como "a dimensión internacional" da axenda de promoción deste itinerario xacobeo que a Deputación e a Asociación de Concellos están a levar a cabo, con accións turísticas tanto no Reino Unido, onde se atopa o "quilómetro cero" do Camiño Inglés, coma noutros países europeos como Italia.

 

 

 

 

deseña ASINFO