O Concello de Oroso recibe a visita dun grupo de profesores dun colexio de Durham, lugar de orixe do Camiño Inglés.

Un grupo de profesores e profesoras do Saint John’s School de Bishop-Auckland, do Reino Unido, visitaron hoxe o Concello de Oroso. A visita enmárcase nun programa europeo de intercambio e ten o Camiño Inglés como referencia. No condado de Durham sitúase a orixe deste itinerario xacobeo e en Sigüeiro comeza a derradeira etapa antes de chegar a Santiago.

Os docentes visitaron en primeiro lugar a Casa do Concello, onde foron recibidos polo goberno local. O alcalde, Manuel Mirás, explicoulles que se trata dun municipio cunha situación xeográfica estratéxica, con boas comunicacións e en continuo crecemento. Tamén detallou o funcionamento da Administración local e os servizos que presta, deténdose especialmente na oferta educativa, cultural e deportiva que caracteriza o Concello de Oroso.

Os visitantes británicos recibiron como obsequio unha guía turística de Oroso, en inglés, e outros documentos con información sobre a historia e o patrimonio locais. Un deles, representando a todos os docentes, asinou no libro de honra do Concello e agradeceu a acollida que están tendo tanto en Oroso como noutros lugares da provincia que visitan estes días.

A continuación, trasladáronse ao CEIP do Camiño Inglés, situado ao pé da ruta peregrina, a escasos 500 metros do centro de Sigüeiro. No seu percorrido polo centro educativo, o equipo directivo explicoulles o interese que ten o colexio en “establecer vínculos con outros centros situados ao longo do Camiño”, posto que unha das liñas de traballo que seguen co alumnado está relacionada co Camiño de Santiago.

Xa pola tarde, a comitiva percorreu dous tramos do Camiño Inglés ao seu paso por Oroso, en concreto no lugar da Baxoia e na entrada de Sigüeiro. Tivo ocasión de coñecer tamén o castro de Vilalbarro. Despois, visitou o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés, que naceu este mesmo ano e ten a súa sede en Sigüeiro. Alí puideron coñecer o traballo que se desenvolve nesta entidade, que recentemente recibiu un premio de Turismo de Galicia pola actividade que realiza.

deseña ASINFO