A Deputación estudará as propostas da Asociación de Concellos do Camiño Inglés para impulsar este itinerario xacobeo.

A institución provincial pretende dar aos concellos o protagonismo que merecen na promoción desta ruta.

O Camiño Inglés será a principal aposta turística da Deputación na feira Fairway que se desenvolverá este outono en Compostela

Os deputados provinciais Xosé Regueira e Antonio Leira, reunironse na Deputación co alcalde de Oroso e presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago, Manuel Mirás.

Nesta primeira toma de contacto entre os responsables das áreas de Turismo e Economía da institución provincial e a recén creada entidade, que agrupa a 14 dos 18 concellos polos que discorre o Camiño Inglés, acordouse que a asociación canalizará as propostas e ideas dos distintos municipios polos que discorre o itinerario para facerllas chegar á area de Turismo da Deputación, que comprometeu manter o apoio que vén prestando á promoción do Camiño.

A idea é dar aos concellos deste itinerario xacobeo o protagonismo que merecen na promoción desta ruta, que conecta os portos de Ferrol e A Coruña co corazón de Compostela; tal como se fixo no ciclo de activididades “Primavera no Camiño Inglés”, que por primeira vez reuiniu en Betanzos, o pasado mes de abril, aos dezoito municipios.

Dende a área de Turismo da Deputación informouse tamén á Asociación de que a institución provincial promocionará o Camiño Inglés na feira Fairway que se celebrará este outono en Compostela e noutras feiras turísticas nas que a institución provincial participa ao longo do ano.

Pola súa banda, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés ofreceu á Deputación participar nas asambleas e reunións da entidade, con voz pero sen voto. Unha proposta que a entidade planea facer chegar tamén á Xunta de Galicia, co obxecto de implicar a ambas administracións na planificación e desenvolvemento de accións que contribúan a impulsar este itinerario. O deputado de Economía, Antonio Leira, representará á Deputación da Coruña nas reunións da entidade.

deseña ASINFO