O ex-xogador de baloncesto grego Nikos Galis visita o CEIP do Camiño Inglés.

Estivo acompañado pola concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, e o concelleiro de Turismo e deputado provincial, Antonio Leira.

Os nenos e nenas do CEIP do Camiño Inglés (Sigüeiro-Oroso) recibiron esta mañá a visita dun ilustre peregrino: o lendario xogador de baloncesto grego Nikos Galis, que iniciaba a súa derradeira etapa da iniciativa “El Camino acaba en Obradoiro”. Unha visita na que estivo acompañado pola concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro; o concelleiro de Turismo e deputado provincial, Antonio Leira, e o director do CEIP do Camiño Inglés, Francisco Ávila, á fronte de gran parte do profesorado do centro.

Galis desfrutou do encontro cos nenos e nenas de Oroso antes de encarar a súa derradeira etapa do Camiño: Sigüeiro-Santiago de Compostela. Antes de fotografarse cos pequenos/as e asinar numerosos autógrafos, o ex-xogador foi entrevistado en inglés por dúas alumnas do CEIP do Camiño Inglés, que se interesaron tanto pola súa traxectoria profesional como polas súas experiencias destes días facendo o Camiño. Unha entrevista que será emitida pola radio do centro escolar orosán.

Antonio Leira salientou “a calidade humana deste campión, unha auténtica lenda do deporte que non só se ofreceu a promover o Camiño Inglés,, senón que tivo o xesto de querer iniciar a última etapa dende o CEIP do Camiño Inglés, unha actitude que é de agradecer”. Leira e Rodeiro acompañaron a Nikos Galis e a toda a comitiva de “El Camino acaba en Obradoiro” no seu último percorrido por Sigüeiro, de camiño a Compostela.

En primeiro lugar atravesaron o Paseo do Carboeiro, acompañados tamén polo xornalista Cristóbal Ramírez, colaborador do Concello de Oroso en materias relacionadas coa promoción do Camiño Inglés, que lles foi narrando curiosidade e anécdotas tanto do Camiño como dos seus máis ilustres peregrinos. Tras atravesar a rúa Camiño Real e a ponte de Sigüeiro, a comitiva seguiu camiño a Santiago.

deseña ASINFO