O Concello de Oroso promove a XXI Festa da Troita cun showcooking de troitas en Betanzos.

O alcalde Manuel Mirás convidou aos centos de persoas presentes a visitar Oroso do 12 ao 14 de maio porque “troita coma en Sigüeiro non a fan no mundo enteiro”.

O Concello de Oroso participou hoxe sábado en Betanzos nunha feira organizada pola Deputación da Coruña para promover o Camiño Inglés e que reuniu por primeira vez aos dezaoito concellos coruñeses polos que pasa esta ruta que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela. Un evento que foi inaugurado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen estivo acompañado pola directora xeral de Turismo, Nava Castro; polo deputado de Turismo, Xosé Regueira; e polos alcaldes de Betanzos, Ramón García, e Oroso, Manuel Mirás, entre outros rexedores.

O Concello de Oroso aproveitou a xornada para desenvolver dúas sesións de showcooking en vivo de troitas, para promover así a XXI Festa da Troita, festa de interese turístico galego que terá lugar en Sigüeiro do 12 ao 14 de maio. Manuel Mirás amosouse moi satisfeito polo resultado da experiencia pois “ademais de promover as excelencias do Camiño Inglés e dos distintos municipios que atravesa, tamén puidemos demostrar a centos de persoas que troita coma en Sigüeiro non a fan no mundo enteiro”.

As troitas de Oroso compartiron carpa con outros produtos como a tortilla de Betanzos, elaborada por Alberto Cernadas, do Mesón O Progreso (gañador da Semana da Tortilla 2016); o pan de Carral, a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño Branco Lexítimo da comarca de Betanzos... ofrecendo así visitantes un percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño Inglés. A música correu a cargo das agrupacións “Airiños” (Fene), “O Castro” (Miño), “Lucero del Alba” (Neda), “Ancoradoira” (Culleredo), “Arnela” (Carral) e “Airiños do Frade” (Cabanas).

deseña ASINFO