Oroso, protagonista no Fairway 2019.

O Concello de Oroso foi estes días protagonista no #Fairway2019, a gran feira sobre o Camiño de Santiago celebrada no Pazo de Congresos da capital galega. O alcalde, Mirás Franqueira Manolo, e o concelleiro Antonio Leira interviron no evento para contar a súa experiencia.

Oroso é un dos municipios impulsores da revitalización que vive o Camiño Inglés, unha ruta que no 2018 experimentou un crecemento do 25% no relativo a número de peregrinos.

Mirás e Leira destacaron o movemento económico derivado do Camiño en Oroso, uns 500.000 euros ao ano, e lembraron os intercambios educativos dos nenos e nenas do municipio con colexios ingleses grazas á experiencia da ruta.

O próximo día 23 de marzo, se inaugurará oficialmente a primeira ruta oficial por Inglaterra do Camiño Inglés, unha iniciativa pola que o Concello de Oroso traballou moito nos últimos anos.

Oroso conta co único centro do mundo dedicado ao estudo deste sendeiro medieval: o CEICI, Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés.

deseña ASINFO