O alcalde de Oroso obtén o apoio de asociacións de catorce países para a promoción internacional do Camiño Inglés.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, obtivo o apoio de asociacións de Amigos do Camiño procedentes de catorce países para contribuír á promoción do Camiño Inglés por todo o mundo. Os representantes destas entidades completan estes días o itinerario xacobeo desde A Coruña ata Santiago e efectuaron unha parada en Sigüeiro.

Mirás destacou que “a repercusión que está tendo o Camiño Inglés era algo que hai poucos anos case non se podía nin imaxinar” e puxo de manifesto o labor das entidades de apoio para difundir os atractivos da ruta. “Pero queda moito por facer e por iso quero pedirlles que entre todos sigamos universalizando o Camiño Inglés”, propuxo o alcalde.

Entre os recursos máis destacados do Camiño, Mirás salientou a súa historia, o patrimonio cultural e artístico e a gastronomía, ademais dos valores espiritual que ten para un número cada vez maior de camiñantes.

Viaxe de familiarización

Os visitantes participaron estes días no I Encontro Internacional do Camiño Inglés para posteriormente desenvolver unha viaxe de familiarización percorrendo a pé a distancia entre a Praza de María Pita (A Coruña) e a Praza do Obradoiro (Santiago). As asociacións que representan promoven o Camiño de Santiago en Canadá, Estados Unidos, Reino Unido, Xapón, Sudáfrica, Australia, Holanda, Hungría, Irlanda, Noruega, Brasil e Bélxica, entre outros países dos cinco continentes.

Na súa parada en Sigüeiro, tiveron ocasión de coñecer o Centro de Investigación e Estudos do Camiño Inglés (CIECI), que ten a súa sede no Centro Cultural. Esta entidade, a primeira da súa natureza a nivel mundial, está a piques de cumprir un ano de existencia. É un centro aberto a investigadores, estudosos e persoas interesadas en xeral no que se recopila todo tipo de documentación, bibliográfica e tamén gráfica e audiovisual, sobre o itinerario, as súas características e a súa historia. Os camiñantes asinaron no libro de visitas e interesáronse por intercambiar información co centro.

Margery Kempe

Durante a súa parada en Sigüeiro, recibiron explicacións sobre a próxima conmemoración, en 2017, dos 600 anos do paso de Margery Kempe por Sigüeiro, onde se dá por seguro que pernoctou. Kempe é a única peregrina británica da que se ten constancia no século XV. As súas peregrinacións, tanto a Santiago como a Roma ou Xerusalén, e tamén experiencias místicas, foron recollidas a modo de autobiografía (dictada, pois non sabía escribir pero tiña unha gran memoria) en The Book of Margery Kempe.

deseña ASINFO