Documentación

O Camiño o seu paso por Oroso

O Camiño Inglés cruza o concello de Ordes de norte a sur. Despois da Calle de Poulo continua polo Carballo, Casanova e a Ponte Pereira, de orixe medieval.
O camiño chega a Carrás, pasando a rentes do castro do mesmo nome. Neste treito a vía de peregrinación consérvase en moi bo estado.
A uns trescentos metros de Carrás, a ruta xacobea alcanza unha pista da concentración parcelaria. No cruzamento, á esquerda vemos un marco que tomamos como referencia como o límite dos concellos de Ordes e de Oroso.
A pista de concentración discorre entre piñeiros e monte baixo. Despois de baixar unha pequena costa, batemos cunha pista asfaltada, na que xiramos á dereita; un pouco máis torcemos á esquerda para entrar en Baxoia.

Baxoia

Por detrás dunha das primeiras casas de Baxoia pasaba o antigo camiño medieval. Baxoia é unha pequena aldea lineal pertencente á parroquia de Deixebre. Delimitan o camiño casas típicas restauradas e unha ringleira de carballos. Ao final das casas chegamos á estrada que comunica Os Carballos (á dereita) coa Cruz de Folgoso. Cruzamos esta estrada e continuamos baixando unha suave pendente até cruzar pola ponte que terma da autoestrada. Xusto despois da ponte hai que xirar á dereita en dirección ás casas de Agrelo.

Agrelo

En Agrelo (diminutivo de Agra) consérvase un pequeno treito de camiño orixinal. Desde aquí, o camiño medieval seguía ente unhas terras de labor e despois polo monte, pero non quedan restos debido á construción da autoestrada.
Desde o núcleo de casas xiramos en dirección á autoestrada, sen cruzar a ponte sobre ela e xusto na marxe esquerda, baixamos a rentes da valla de seguridade. Continuaremos durante un bo treito sen abandonar este camiño que baixa en pendente. Enfronte consérvanse as casas do lugar da Rúa, un topónimo relacionado co antigo camiño medieval. Baixando decatámonos que estamos a chegar a unha zona de escorrenta de auga no inverno. Ao final da baixada vemos á dereita a ponte pola que transita a autoestrada e enfronte a paraxe que forma a Fonte da Santiña.
O camiño orixinal quedou sepultado pola autoestrada, pero aínda está á vista un mínimo treito ao outro lado da ponte, en dirección ao Alto do Mouro.

Fonte da Santiña e Antigo Igrexario de Deixebre

O entorno da Fonte da Santiña é máxico debido a que hai anos existían unha serie de construcións (a maior parte delas actualmente desaparecidas) que deixaron un espazo baldío que só permanece na memoria das persoas maiores.
A sensación é semellante ás aldeas, parroquias ou vilas asolagadas por un encoro. Neste lugar o abandono do antigo camiño medieval (coa construción da N-120) e o paso da autoestrada modificaron totalmente o entorno, mais aínda se nota esa maxia que emana das tradicións seculares desaparecidas.
Antes da súa desfeita e traslado, no lugar do Igrexario achábase a Igrexa Parroquial de Santa María de Deixebre, rodeada polo adro e o cemiterio. Un pouco máis afastado encontrábase o cruceiro, que foi vítima do abandono e a desfeita, así como a pía orixinal da fonte que desapareceu.
Da fonte da Santiña sae un camiño en dirección ao Igrexario. Á esquerda queda o lugar que ocupaba a igrexa e á dereita a reitoral, morada do cura (actualmente vivenda particular) que conserva un fermoso reloxo de sol na esquina que mira cara o sur.
A igrexa orixinal de Deixebre trasladouse para Os Carballos, a rentes da estrada xeral polo ano 1962, seica por decisión dos Rapelas, familia acomodada dona da maior parte das terras da parroquia.
Da fonte da Santiña flúe auga milagreira, por exemplo para curar a sarna ou os males da gorxa, segundo conta a memoria popular.
E para completar este entorno tan alterado, os máis vellos do lugar aínda contan que existiu unha pequena capela preto da fonte. Nela estaba a figura da Santiña e os camiñantes ou peregrinos podían deixar esmola.
Continuamos polo camiño cara a Compostela ao longo da autoestrada, onde o monte de piñeiros se mestura con plantacións de eucaliptos. Saímos das terras da parroquia de Deixebre e comezamos a percorrer o camiño pola parroquia de Oroso, polas casas de Vilalbarro.

Castro de Vilalbarro

Avanzamos ao longo da autoestrada e cruzamos a estrada que comunica Oroso con Vilarromariz. Desde esta estrada a uns douscentos metros, á esquerda vemos a entrada ao Castro de Vilalbarro (vila de barro). O Castro, situado a 297 metros de altitude, é un dos mellores conservados do concello de Oroso, mantendo a croa e o foso perfectamente definidos, aínda que invadidos pola vexetación. Como todos os castros dos arredores, é rico en lendas sobre mouros e tesouros agochados debaixo da terra.

Campo da Malata

Despois do Castro de Vilalbarro hai que deixar pasar dúas pontes sobre a autoestrada e chegamos ao Campo da Malata, actualmente tapado polo asfalto. A Malata é sinónimo de leprosos que vivían en casoupos, parapetos ou á intemperie. Os leprosos instalábanse ao lado dos camiños para pedir esmola e comida aos transeúntes. Este topónimo é habitual encontralo vinculado aos camiños medievais.
Seguimos pola pista paralela á autoestrada e, á esquerda, encontramos axiña a entrada ao Castro de Vilares.

Castro de Vilares ou de Oroso Pequeno

O Castro de Vilares está a rentes do camiño, encravado nunha fraga. A croa, foso, muros e antecastro permanecen moi ben conservados. Continuamos pola pista e xiramos á esquerda para entrar en Oroso Pequeno, un núcleo de casas tradicionais. Seguimos e desembocamos nunha estrada; xiramos á dereita cara o Polígono Industrial de Sigüeiro e a Avenida Álvaro Cunqueiro. Ao fondo vemos a vila de Sigüeiro.

Ponte Ulloa e Parque do Carboeiro

Chegamos ao Parque do Carboeiro, na zona norte. Ao fronte está o edificio do CEIP Camiño Inglés, antes de chegar a el, xiramos á esquerda e entramos no Parque do río Carboeiro, por un treito de camiño medieval que se conserva en bo estado. Uns metros más adiante pasamos pola Ponte Ulloa. A ponte, citada por Martiño Sarmiento na súa viaxe de 1755, está encravada dentro dun paraxe de excepcional valor ecolóxico, onde predominan o arboredo de ribeira (abeneiros) e o autóctono (carballos e bidueiros). A ponte orixinal non existe; unha réplica, con piso de madeira, facilita o paso á outra beira do río.
Pasamos ao longo dunha zona de equipamentos municipais (piscina, pistas deportivas, Centro de Saúde, parque infantil). O camiño está delimitado entre a zona de equipamentos e o carreiro que vai ao longo do río Carboeiro. Pronto chagamos ao Xuncal e á praza Isaac Díaz Pardo. Pasamos por diante da Casa Consistorial do concello de Oroso. Nela sitúase un busto dedicado ao intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo.
Partindo da Praza do Concello ou de Isaac Díaz Pardo, podemos achegarnos a visitar o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI), un lugar de encontro para interesados e investigadores sobre esta ruta. Está situado no Centro Cultural Municipal, a escasos metros da ruta xacobea, e conta cun amplo fondo bibliográfico. Durante o verán os peregrinos poden acudir ao Punto de Información do Camiño Inglés (PICI) na piscina municipal.

Sigüeiro, Capital do Concello de Oroso

Sigüeiro é a capital do concello de Oroso e conta con todos os servizos que precisan os peregrinos e camiñantes. Nos últimos anos abriron ao público varios establecementos privados para acoller peregrinos. A vila naceu, primeiro, a rentes do Camiño Real Medieval e posteriormente ao longo da N-550. Na década de 1980 sufriu unha expansión urbanística importante para acoller as novas familias que se asentaban na localidade, na cal se concentraban os servizos máis importantes, como a sede do concello (anteriormente situada en Oroso), colexio público, centro de saúde, pavillón de deportes, centro cultural, etc. A última gran transformación urbanística foi a construción do Parque do Río Carboeiro, un espazo multiusos de lecer moi prezado polos veciños. Varias esculturas adornan a vila, como a dedicada aos peregrinos, situada na Rúa da Cultura, a rentes do Centro Cultural.
Na zona urbana de Sigüeiro o camiño continua pola Rúa Río Lengüelle, Rúa Tambre, Rúa Camiño Real (topónimo vinculado ao Camiño Inglés) e Avenida Compostela que coincide coa estrada xeral da Coruña a Santiago de Compostela.
Chegamos á Praza da Foca onde se sitúa un pío. Nos arredores desta encrucillada de camiños celebrouse a famosa Feira da Foca.

Ponte Sigüeiro

Para ver na súa totalidade a Ponte Sigüeiro sobre o río Tambre, podemos baixar por unhas escaleiras metálicas situadas na marxe esquerda cara a Santiago de Compostela.
A Ponte Sigüeiro foi un lugar de paso obrigado para cruzar o río Tambre desde o comezo das peregrinacións a Compostela. Actualmente separa os concellos de Oroso e o de Santiago. De orixe Medieval (século XII), conserva toda a súa estrutura orixinal, aínda que o seu ancho foi ampliado a medida que aumentaba o tránsito sobre ela. Ten cinco arcos de medio punto, os dous centrais con dobradura, e un quinto arco de estilo gótico oxival, mandado construír por Fernán Pérez de Andrade no século XIV. Até principios do século XX no muro da ponte situábase un escudo coas armas dos Andrade e unha inscrición facendo alusión ás obras que realizou este mecenas dos camiños. O escudo consérvase no Museo do Castelo de Santo Antón da Coruña. Como lugar de paso é testemuña de múltiples feitos históricos, desde as loitas nobiliarias no Medievo até os movementos liberais e provincialistas do século XIX. Nas súas inmediacións tivo lugar a Batalla de Sigüeiro no ano 1846.
Despois de cruzar a ponte o Camiño Inglés entra na parroquia da Barciela, no Concello de Santiago de Compostela.

deseña ASINFO