Máis de 350 persoas arroupan a José Daniel Liste Moscoso, primeira insignia de ouro do Concello de Oroso polos seus 42 anos de traballo
O alcalde Manuel mirás destacou que “na medida en que os Concellos saibamos recoñecer o traballo dun veciño, estaremos a medrar e a enriquecernos como pobo”.
Máis de 350 persoas, entre autoridades, empresarios locais, familia e amigos, arrouparon esta mañá a José Daniel Liste Moscoso durante o acto de entrega da primeira Insignia de Ouro do Concello de Oroso. Unha distinción que lle foi imposta polo alcalde orosán, Manuel Mirás, polos seus máis de 42 anos de traballo como funcionario municipal en Oroso.
Mirás Franqueira impúxolle a Liste Moscoso a primeira Insignia de Ouro do Concello de Oroso adiantánolle que “para nós é un orgullo que ti sexas o primeiro veciño de Oroso en recibir esta distinción, pero tamén che quero dicir que non estarás moito tempo só. Sabemos que hai moitas máis persoas que tamén merecen este recoñecemento e a nosa intención é ir, pouco a pouco, recoñecendo os seus méritos”.
Daniel Liste amosou o seu agradecemento á corporación municipal, que en sesión plenaria do 29 de xullo de 2010 acordou outorgarlle esta distinción, e tivo palabras de lembranza para todos os funcionarios que traballaron canda el, tanto en Oroso coma nos municipios limítrofes. “Os funcionarios pasamos máis horas xuntos traballando que nos nosos fogares”, lembrou Liste Moscoso.
Un punto no que tamén coincidiu o subdelegado do Goberno en galicia, José Manuel Pose Mesura, quen felicitou ao Concello de Oroso “por ter a sensibilidade de conceder esta condecoración a un home que pasou facendo o ben por este concello” e agardou que “cunda o exemplo de recoñecer aos funcionarios, que temos unha mala fama inmerecida pois son moitas horas as que dedicamos para resolverlle os problemas aos veciños”.
Cultura de recoñecemento
O alcalde de Oroso destacou que este tipo de distincións “son o xusto e o merecido recoñecemento dun Concello cara o traballo dun dos seus veciños polo benestar de todos aqueles que vivimos en Oroso. E xa pasamos dos sete mil cincocentos”. Asegurando que “é de ben nacidos ser agradecidos”, Mirás Franqueira sinalou que “Oroso é unha gran familia e, como tal, é de xustiza que recoñezamos os méritos daquelas persoas que traballan polo progreso deste municipio”.
O alcalde orosán sinalou que “cando un examina os 42 anos de traballo de Daniel Liste no Concello de Oroso, queda ben ás claras que esta é unha insignia ben merecida” e bromeou con el dicindo que “a pesar de estar xubilado, parece que segue máis activo ca nunca”. “Semella que non tivo bastante con estar máis de 42 anos ao servizo dos veciños e veciñas de Oroso. Tiña “mono” de traballar polos seus conveciños e segue a facelo á fronte da Asociación da Terceira Idade. Unha asociación nova en anos pero, o que é máis importante, nova en espírito, o que os leva a organizar cada vez máis e máis actividades”, indicou Manuel Mirás.
No acto tamén interviu un amigo persoal de Daniel Liste: José Ramón Colera Leirado, asesor do Valedor do Pobo, quen destacou que esta distinción “é un acordo que é o reflexo da vontade dun pobo cara un funcionario exemplar”. Así, destacou que”estamos en presencia dun funcionario exemplar, que deu testemuño suficiente da súa adicación por todos os seus veciños”.
Despois dos acordes dun violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia, os asistentes desprazáronse ata o Centro Deportivo de Sigüeiro, onde tivo lugar un xantar na honra de José Daniel Liste. Ademais dos membros da corporación municipal orosán, no acto tamén estiveron presentes os alcaldes de Tordoira, Antonio Pereiro; e Trazo, Xosé Dafonte.
Currículum de Daniel Liste
José Daniel Liste Moscoso traballou como funcionario en Oroso entre os anos 1959 e 2001, e na actualidade desempeña o cargo de presidente da Asociación da Terceira Idade de Oroso. Tomou posesión como auxiliar administrativo o 28 de febreiro de 1959. O 11 de outuro de 1961 superou a oposición a funcionario de carreira da Administración Local, polo que o 4 de novembro dese mesmo ano foi nomeado como auxiliar administrativo polo pleno municipal.
O 27 de maio de 1978 foi nomeado administrativo do Concello de Oroso pola Comisión Municipal. Durante este tempo tamén foi presidente da Asociación de Funcionarios de Réxime Local. O 13 de xuño de 2001, xubilouse como administrativo do Concello de Oroso e dende hai tres anos desempeña o cargo de presidente da Asociación da Terceira Idade de Oroso.