subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso pon en marcha unha nova campaña para concienciar á veciñanza da recollida dos excrementos das mascotas.


Promoverá actividades nos colexios e xa enviou cartas á veciñanza lembrándolles a obriga de recoller as deposicións das súas mascotas e que o Concello lles ofrece recolledores de cartón reciclable para iso.

O Concello de Oroso vén de poñer en marcha unha nova fase da campaña “Eu si que o fago”, coa que “pretendemos concienciar á nosa veciñanza da importancia de coidar ben das mascotas así como de recoller as súas deposicións na vía pública para lograr entre todos un municipio moito máis limpo”, explica Antonio Leira, concelleiro de Mobilidade. Unha nova fase da campaña que inclúe dúas accións: a realización de actividades de concienciación nos distintos centros educativos do municipio e o envío de cartas informativas aos propietarios/as de mascotas.

Así, o Concello de Oroso vén de completar o envío de 1.000 cartas a veciños/as da zona urbana nas que fai fincapé na importancia de manter limpas as rúas e zonas verdes. “Hai moitas razóns para non deixar os excrementos no chan. Atoparse unha caca na rúa é algo moi desagradable que ninguén quere: cheira mal, dá mala imaxe e é un perigo para a saúde pois pode transmitir enfermidades a persoas, sobre todo nenos e maiores, ou a outras mascotas”, advirte Leira Piñeiro.

Para facilitar a recollida dos excrementos, o Concello de Oroso ofrece de xeito gratuíto recolledores de cartón reciclado, denominados “Ecopoops”. Trátase dun dispositivo que se pode transportar na correa e facilita a recollida das deposicións pois, a diferenza das bolsas de plástico, establece unha barreira sólida de cartón entre o excremento e o usuario/a e lle evita a desagradable sensación de tocar a caca. O sistema funciona como unha pinza e, grazas ao seu peche fácil, permite selar o contido e convertelo nunha caixa con asas fácil de depositar nun colector para residuos orgánicos, para que se descompoña na súa totalidade.

O Concello de Oroso lembra que as persoas que teñan mascotas poden recoller os “Ecopoops” de forma totalmente gratuíta na Casa do Concello ou no centro cultural Fernando de Casas e Novoa. “Deste xeito conseguimos múltiples beneficios: mantemos máis limpas as nosas rúas e parques, evitamos o risco de enfermidades que supoñen esas deposicións e evitamos tamén o consumo de bolsas de plástico, menos biodegradables que estas caixas de cartón reciclado”, apunta Antonio Leira.

Sancións

O concelleiro de Mobilidade explica que esta acción “forma parte dunha campaña de conciencian na que levamos varios anos traballando. Primeiro colocamos papeleiras para recoller as defecacións dos cans, despois mesmo habilitamos lugares especiais para que os donos e donas poidan levar aló ás súas mascotas a facer as súas necesidades. E tamén activamos periodicamente campañas de concienciación nos centros educativos, como a que imos facer en próximas datas pois son os cidadáns do futuro e todo o que gañemos agora en materia de concienciación o desfrutaremos nos próximos anos”.

Porén, aínda quedan algunhas persoas que non se comportan dun xeito cívico e non recollen as deposicións das súas mascotas. O Concello de Oroso lembra que este tipo de actitudes poden ser sancionadas de acordo coa ordenanza municipal vixente, que contempla multas económicas e que xa foi aplicada nalgunhas ocasións. “Neste caso é moi importante a colaboración e a concienciación cidadá tanto á hora de afear este tipo de condutas incívicas como de denuncialas”, conclúe Antonio Leira.