subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os Reis Magos chegarán este venres a Sigüeiro á fronte dunha comitiva oficial de máis de 120 persoas e cun novo percorrido.


A N-550 estará cortada entre as 18:00 e as 18:25 horas ao seu paso por Sigüeiro, cun desvío alternativo que estará sinalizado.
O Concello habilitará a Alameda de Góis como lugar provisional de aparcamento ante a supresión de varias prazas na avenida de Compostela, rúa Lengüelle, rúa Xuncal e na praza Isaac Díaz Pardo.

O Concello de Oroso celebrará este venres 5 de xaneiro a súa tradicional Cabalgata e Festa de Reis, que este ano chega chea de novidades. En primeiro lugar, a comitiva será a máis grande dos últimos anos tanto por número de participantes, máis de 120 persoas, como polas dimensións das carrozas, que motivarán a supresión de varias prazas de aparcamento en Sigüeiro para garantir o seu paso. E, en segundo lugar, porque recolle pequenas variacións no seu tradicional percorrido polas rúas de Sigüeiro.

A comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar sairá ás 18:00 horas do CEIP do Camiño Inglés para facer un percorrido polas rúas de Sigüeiro: avenida de Compostela (N-550), rúa do Portiño, rúa Insua, praza de Alexandre Bóveda, rúa do Medio, rúa do Portiño, avenida de Compostela, praza da Foca, avenida da Garabanxa, rúa do Concello, rúa Río Lengüelle, avenida de Compostela e rúa do Xuncal ata a praza Isaac Díaz Pardo.

Ás 18:15 horas, as Súas Maxestades serán recibidas na Casa do Concello pola Corporación Municipal, presidida polo alcalde Manuel Mirás Franqueira. Acto seguido, a comitiva dirixirase ata o pavillón de deportes a través da rúa Camiño Inglés e da rúa Pablo Iglesias. A chegada ao polideportivo está prevista ás 19:00 horas, onde terá lugar unha gran festa infantil con Troi, dous inchables, animación musical, xogos, karaoke e lambonadas para todos os nenos e nenas. O polideportivo non abrirá as súas portas ata pasadas as 18:30 horas.

Seguridade viaria

Para garantir a seguridade dos centos de persoas que asistirán á cabalgata, o Concello de Oroso ten preparado un dispositivo especial integrado por membros da Policía Local e Protección Civil de Oroso, que se encargarán de velar polo correcto desenvolvemento do evento. A maiores, o Concello de Oroso habilitou a alameda de Góis como lugar provisional de aparcamento para paliar a supresión de varias de prazas nas rúas Lengüelle, Xuncal e Avenida de Compostela, así como na contorna da praza Isaac Díaz Pardo. Unha supresión precisa para garantir o paso da comitiva e a seguridade de todas as persoas que estarán na contorna.

Así mesmo, o Concello de Oroso recibiu a autorización da Demarcación de Estadas do Estado en Galicia para cortar a N-550, entre a rotonda de Sigüeiro e os semáforos da avenida de Compostela entre as 18:00 e as 18:25 horas, coincidindo co paso da cabalgata de Reis. Os vehículos terán á súa disposición un desvío alternativo pola rúa Álvaro Cunqueiro, rúa Camiño Inglés, Rúa do Deporte e Avenida da Garabanxa (sentido Santiago) e avenida da Garabanxa, rúa Tosca e rúa Álvaro Cunqueiro (sentido A Coruña). Un desvío que estará convintemente sinalizado.