subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

UVE Moda gaña a segunda edición do Concurso de Escaparates de Nadal de Oroso.


Manuel Mirás felicitou aos participantes e ofreceu a colaboración do Concello para realizar accións que incentiven as compras no municipio.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, entregou os premios da segunda edición do Concurso de Escaparates de Nadal, no que participaron trece establecementos e que se levou a cabo entre o 15 de decembro e o 6 de xaneiro. O gañador do certame foi UVE Moda, cuxos 45 puntos lle outorgaron un premio de 300 euros; seguido de preto por Petiscos Doces (44 puntos) e La Bellota (43 puntos), que levaron un premio de 200 e 100 euros, respectivamente.

Uns premios que foron entregados nun acto levado a cabo no centro cultural de Sigüeiro, onde o alcalde orosán estivo acompañado polos concelleiros de Comercio, Vanesa Boo; Cultura, Luís Rey; e Ensino, Beatriz Rodeiro. Manuel Mirás aproveitou para agradecer a participación dos trece establecementos e facerlles un chamamento á unidade de acción para promover o comercio de proximidade. “No Concello estamos para recibir todas cantas suxerencias teñades e para axudar a facer campañas e iniciativas para que a a xente compre aquí”, apuntou Mirás Franqueira, quen lembrou que “ademais temos a competencia das Cancelas e temos que facer un esforzo para, unidos, sacar isto adiante”.

Pola súa banda, Vanesa Boo agradeceu a participación dos tres establecementos xa que “contribuídes a crear un ambiente navideño nas nosas rúas” e como voceira do Xurado destacou “o gran nivel amosado este ano, no que só un voto separou aos tres primeiros clasificados e todos tiveron un nivel moi parello”.

Premios Facebook

Un ano máis, a páxina de Facebook do Concello de Oroso acolleu paralelamente unha votación popular entre os trece establecementos participantes. Despois de nove días de votación, nos que se validaron un total de 1.247 votos procedentes de 890 usuarios, o establecemento gañador foi Mi Vestidor Azul, cun total de 544 votos, polo que levou unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio.

O segundo clasificado foi Sanmar Estilismo, con 160 votos; e completou o podio o gañador do voto popular na anterior edición, UVE Moda, con 108 sufraxios. Con esta clara vitoria, Mi Vestidor Azul resárcese do acontecido na primeira edición, cando quedou na segunda posición por tan só un voto de diferenza. Finalmente, tras o sorteo realizado entre os 890 votantes, a cea para dúas persoas foi para Olaya García Rodríguez.