subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os peregrinos de orixe británica, maioría dos que chegan a Oroso nesta primavera.


Antonio Leira recibe aos dous primeiros peregrinos de Durham que fan o Camiño Inglés nos últimos 500 anos.

orosoGran Bretaña está a piques de substituír a Italia como país que máis peregrinos envía a percorrer o Camiño Inglés, alo menos durante esta primavera. Se a eles se lles suma os procedentes de países como Canadá, Estados Unidos, Australia, Nova Zelandia e mesmo a India -todos eles, de maioritaria fala inglesa-, “con claridade esta ruta xacobea está recuperando o esplendor que tivo en épocas medievais”, en palabras do alcalde, Manuel Mirás.

Como mostra, a finais da semana pasada nos albergues de Sigüeiro déronse cita tres grupos de persoas de nacionalidade británica. O concelleiro responsable de Turismo e Camiño Inglés, Antonio Leira, recibía este domingo 22 aos dous primeiros peregrinos do condado de Durham que chegan por esa ruta xacobea nos últimos cincocentos anos. “Este pequeno gran paso é a proba de que os nosos esforzos para promocionar o Camiño Inglés aló onde nace, no nordés de Inglaterra, empezan a demostrar que estamos no bo Camiño, valga a redundancia”, afirmou Leira.
Pola súa banda, Janice Ronsano e o seu home José Antonio (de orixe española pero afincado en Inglaterra dende hai case cinco decenios) amosáronse moi agradecidos pola acollida e o agasallo que lles entregou Antonio Leira en lembranza dese fito que protagonizaron despois de medio milenio.
Así mesmo, quixeron aproveitar a ocasión para dar o seu punto de vista de como está o novo trazado do Camiño Inglés, que lles pareceu “magnífico”, mentres que se laiaron de que a maioría das igrexas estivesen pechadas.

O concello de Oroso vén facendo un labor pedagóxico (con proxectos conxuntos entre os colexios do municipio e os de aló) e de recuperación histórica en Durham dende hai tres anos.