subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso investirá 645.000 euros en dez obras grazas o superávit co que pechou o ano 2017.


A partida máis importante, de 400.000 euros, destinase á ampliación do centro cultural.

O Concello de Oroso aprobou hoxe por unanimidade nun pleno extraordinario a realización de dez obras no municipio, grazas o superávit co que pechou o ano 2017. O investimento conxunto nos dez proxectos será de 644.975,30 euros.

“Temos unhas contas saneadas, froito dunha xestión económica responsable, e un remanente de tesourería que nos permite realizar novos investimentos, tendo en conta sempre as demandas dos nosos veciños”, asegura o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Das obras aprobadas na sesión plenaria de hoxe, a máis importante é a da ampliación do centro cultural Casas Novoa (400.000 euros). Outros traballos serán a mellora do pavimento da rúa Otero Pedrayo, no parque empresarial de Sigüeiro (53.783,54 euros); o bombeo na rede de abastecemento de auga no lugar dos Carballos-Deixebre (23.282,85 euros); e a ampliación da rede de abastecemento de auga nos núcleos de poboación de O Cachopal e Sar (Os Ánxeles), por 18.629,85 euros.

Outras obras aprobadas foron a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público na avenida de Compostela (26.399,15 euros); a ampliación do alumeado público nas parroquias de A Gándara, Villarromarís, Deixebre, Trasmonte e Oroso (58.600,15 euros); e o acondicionamento do espazo da antiga escola vella de Oroso e o seu entorno (30.000 euros).

Por último, haberá un adecentamento parcial do pavimento do parque infantil (16.129,76 euros); ampliarase a potencia eléctrica do CEIP Sigüeiro (12.705 euros), e o concello fará unha instalación eléctrica na pista de padel (5.445 euros).