Oroso critica que Medio Rural presuma da súa xestión coas velutinas "pero non axude na retirada dos niños" de difícil acceso.
O Concello demanda axuda para a retirada dun niño na parroquia de Senra.
O Concello de Oroso critica que a Consellería de Medio Rural presuma da súa xestión coas vespas velutinas, “pero despois non axude na retirada dos niños” de difícil acceso pola súa altura ou complexidade técnica.
Oroso é concello colaborador do programa de seguimento e control da velutina posto en marcha pola Consellería de Medio Rural. A Xunta entregoulle un buzo de seguridade e unha pértiga, pero son os voluntarios de Protección Civil de Oroso os que retiran os niños.
Recentemente, Oroso detectou un niño de velutinas na parroquia de Senra, pero a unha altura á que non chega Protección Civil co material doado por Medio Rural. Foi entón cando o concello chamou a Tragsatec, empresa que traballa coa Xunta para a retirada dos niños.
“Dixéronnos que ao ser concello colaborador, non poden retirar o niño, que só traballan nos concellos que non forman parte do programa de control da Xunta, pero nós non temos medios para retirar o niño”, aseguran desde Protección Civil de Oroso, que advirten que o niño está nun lugar de paso de persoas e hai que retiralo o antes posible.
“Co material que entrega a Xunta non podemos retirar o niño, pero se a empresa coa que traballa Medio Rural nos dí que non pode vir porque estamos no programa de seguimento de Medio Rural, que solución temos? É unha situación difícil de entender”, engade Protección Civil de Oroso.
Só desde maio, Protección Civil de Oroso retirou 40 niños de velutinas: “Aínda que despois sexa a Xunta a que presuma das cifras, somos os voluntarios de Protección Civil dos concellos os que retiramos os niños, o único que pedimos a cambio é axuda nos casos complicados”.