subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso adxudica a unha nova empresa o servizo de recollida de lixo e manten os postos de traballo.


 

O Concello de Oroso adxudicou a unha nova empresa o servizo de recollida e transporte de lixo no municipio e garante que manterá os postos de traballo. A actual empresa encargada da recollida comunicoulle ao concello que non podía cumprir co contrato, debido á súa situación de insolvencia económica. “Tras ter coñecemento deste problema, adxudicamos con rapidez o traballo a outra compañía, xa que falamos dun servizo básico e non queremos prexudicar aos veciños”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

O procedemento de adxudicación e a proposta do alcalde para que unha nova empresa comezase a traballar durante un período mínimo de 20 meses recibiu o visto bo da intervención e do secretario municipal, polo que xa pasou pola xunta de goberno local.

“A nova adxudicataria asume a maquinaria e os postos de traballo vixentes, polo que comezará a traballar o mesmo día que deixe de facelo a empresa que estaba ata o de agora; os veciños e os establecementos comerciais non notarán o cambio”, engade Mirás.

O alcalde explica que “optamos por un procedemento de cesión para non ter que interrumpir o servizo nin tan sequera uns días, a continuación da prestación era de interese público e actuamos con dilixencia para que a recollida de lixo continúe”.

O cambio efectivo de empresa adxudicataria se realizará nos próximos días, aínda que o alcalde insiste en que “os nosos veciños e veciñas non notarán o cambio e o servizo continuará prestándose con normalidade”.