subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso obten o compromiso de fomento de acometer varios proxectos para aliviar o tráfico no municipio.


O ministerio investirá 141.639 euros nunha rotonda na praza da Foca e haberá unha nova circunvalación en Sigüeiro.
Máis de 22.000 vehículos circulan cada día polo centro do municipio.

orosoO alcalde do Concello de Oroso, Manuel Mirás, obtivo o compromiso do Ministerio de Fomento de acometer varias obras e proxectos para aliviar o tráfico no municipio. En concreto, Mirás mantivo hoxe unha reunión en Madrid co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, José Javier Izquierdo, e co director xeral de Estradas, Francisco Herrero, para demandar unha rotonda na praza da Foca en Sigüeiro. O alcalde obtivo o compromiso de que a construción levarase a cabo na maior brevidade e o investimento será de 141.639 euros.

Con esta rotonda, “pretendemos evitar os atascos que se producen na N-550 ao seu paso por Sigüeiro polos vehículos que van dirección Santiago, dirección A Coruña, os que se incorporan pola avenida da Grabanxa e os que o fan pola rúa do Portiño”, asegura Mirás “A rotonda é unha demanda de hai anos, pero o portavoz do PP, Alexander Doval, non moveu un dedo con Ana Pastor e Iñigo de la Serna; agora, en tres meses de goberno socialista en Madrid, desde o concello conseguimos a obra para Oroso”, sostén o alcalde.

Máis de 22.000 vehículos circulan cada día polo centro de Sigüeiro e o alcalde Manuel Mirás considera necesario tomar medidas para que “o tráfico sexa máis fluido, eliminando os semáforos para reducir as retencións; no ministerio comprenderon a situación e acometerán as actuacións necesarias”.

Na mesma reunión, o alcalde explicoulles aos representantes de Fomento que “non é necesario o proxecto dunha estrada alternativa á N-550 desde Ordes Sur a Marantes; é mellor unha obra de menos envergadura que consistiría nunha circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla”.

“Con esta alternativa, non perxudicamos aos negocios ubicados na N-550, que viven en gran medida dos usuarios desta estrada”, engadiu Mirás. O novo vial podería considerarse de velocidade moderada (50km/h) e evitaría os atascos para os que se dirixan ao aeroporto desde o norte da provincia.

Fomento comprometeuse a analizar o proxecto plantexado polo alcalde de Oroso, que sairá adiante mediante un convenio polo que o concello asume a N-550 e a nova variante estará en manos do ministerio. A circunvalación pode estar lista nun prazo máximo de tres anos.