subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A Asociación Cultural Troitamundos nace en Oroso co obxectivo de promover unha cultura de lecer saudable e en familia.


orosoOroso conta desde hai uns días coa Asociación Cultural Troitamundos, que arrincará as súas actividades cun magosto-comida que se celebrará este sábado, día 10 de novembro, no Local Social de Senra.

Segundo figura nos estatutos da asociación, os seus fins principais son “promover unha cultura do lecer saudable e en familia, impulsar o coñecemento do patrimonio cultural e natural de Galicia, a través da actividade do sendeirismo, e tamén do patrimonio cultural e paisaxístico do Concello de Oroso, nomeadamente o Camiño Inglés”.

As fmilias que deron o paso de crear a asociación queren ademais “fomentar que os nosos fillos e fillas descubran e interioricen como forma de lecer as excursións en familia, coa finalidade de coñecer lugares de interese pola súa riqueza paisaxística, a flora, a fauna e a súa representatividade histórica e cultural”.

Para acadar estes obxectivos, a Asociación Cultural Troitamundos “impulsará tanto entre os menores coma nos adultos prácticas deportivas axeitadas a todas as idades, tales como sendeirismo e o ciclismo, así como a iniciación a outros deportes ao aire libre”.

“Buscamos Inculcar entre os nenos e nenas e a xuventude de Oroso os valores do respecto pola natureza; o respecto polo ben común (mobiliario urbano, patrimonio histórico); o interese pola nosa historia e tradicións, e o valor do traballo en equipo”, engaden os estatutos.

Para levar a cabo os seus fins, a asociación organizará excursións e actividades de sendeirismo ou cicloturismo en rutas de interese do municipio de Oroso e outros concellos de Galicia.

A asociación está presidida por David Rouco, sendo vicepresidenta Elsa Castiñeira; tesoreira Susana Méijome; secretaria Mayte Silva, e completan a Xunta Directiva dous vogais: Asier Fuentenebro e Cristina Torres.