subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso nomeará o sábado 24 de novembro fillo predilecto ao pediatra José Miguel Couselo Sánchez, especialista en oncoloxía e natural do municipio.


 

O Concello de Oroso acollerá o próximo sábado 24 de novembro o acto de nomeamento de Fillo Predilecto a José Miguel Couselo Sánchez, xefe de Sección de Pediatría da Unidade de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Couselo Sánchez, natural de Oroso, recibirá tamén a insignia de Ouro do Concello pola súa traxectoria profesional e pola súa vinculación co municipio, que sempre promociona e ao que está moi unido.

Ademáis do seu destacado traballo no CHUS, José Miguel Couselo Sánchez é profesor de Pediatría na Facultade de Mediciña da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e conta cunha ampla experiencia investigadora plasmada en numerosas publicacións e congresos.

Os actos do día 24 comezaran ás 13:00 horas no centro cultural de Oroso, lugar no que tamén se celebrará unha comida de de fraternidade coa familia do homenaxeado e representantes do concello. As persoas interesadas en asistir á comida poden adquirir as entradas na Cafetería 6 Ríos e no Café de Manuela.

“Poucas veces tivemos un recoñecemento tan merecido, José Miguel Couselo é un médico moi prestixioso e unha grandísima persoa, será unha xornada especial e moi emotiva para todos os veciños e veciñas de Oroso”, asegura o alcalde, Manuel Mirás.

Todos os grupos políticos con representación no concello apoiaron nun pleno municipal e o nomeamento de José Miguel Couselo como Fillo Predilecto. O homenaxeado participa de forma asidua en actividades organizadas ou nas que colabora o Concello de Oroso.