O alcalde de Oroso esixe a Fomento que "axilice a nova circunvalación de Sigüeiro"
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, esixe ao Ministerio de Fomento que “axilice o proxecto da nova circunvalación de Sigüeiro”. “Non podemos permitir que 3.000 vehículos de gran tonelaxe pasen cada día polo noso casco urbano”, asegura Mirás, despois de que esta mesma mañá houbera unha forte retención en Sigüeiro pola avería dun camión.
Mirás presentoulle ao ministerio hai meses “o proxecto dunha nova circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono, á altura do supermercado Familia, ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla”.
“Non é unha obra complexa, xa que un tramo importante xa está feito, falamos dunha infraestrutura imprescindible para mellorar o tráfico, o Ministerio de Fomento comprometeuse a apoiar esta alternativa pero esíxolle celeridade”, engade Mirás.
Por outra parte, o alcalde de Oroso espera unha execución rápida das obras da nova rotonda da praza da Foca en Sigüeiro, que contarán cun investimento de 141.639 euros e foron licitadas polo Ministerio de Fomento no mes de xaneiro.