subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Reunión co presidente da Deputación para melloras no Concello


orosoO presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse no seu despacho da institución provincial co alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, para estudar investimentos de mellora da seguridade vial no municipio. Na xuntanza de traballo participou tamén o concelleiro e deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira.

O alcalde solicitou ao presidente distintas melloras do tramo urbano da estrada DP 3801 (avenida da Grabanxa), unha das arterias principais de comunicación do municipio que da acceso a varios centros educativos, instalación deportivas coma o pavillón municipal e á Casa do Concello, ademáis de servir como vía principal de comunicación no norte do municipio a unha urbanización na que residen arredor de 1.000 veciños da localidade.

Mirás mostrou a disposición do goberno municipal a facerse cargo da titularidade do vial, dado o seu carácter eminentemente urbano, unha vez efectuadas estas melloras, que buscarían humanizar o entorno e mellorar a seguridade.

Pola súa banda, González Formoso comprometesue a estudar o proxecto e sinalou que a petición de cesión será tida en conta dentro do paquete de transferencias de viais que o servizo de Vías e Obras prepara en diversos concellos da provincia. O presidente destacou tamén o importante investimento que a Deputación leva realizado xa noutros tramos deste mesmo vial para a mellora da seguridade peonil, cun ivestimento de 400.000 euros para a construción de dúas sendas que garanten a seguridade nos desprazamentos a pé dos veciños.

O presidente e o alcalde abordaron tamén outros proxectos de cooperación en materia de seguridade vial para continuar a construción de beiarrúas e sendas noutros puntos do termo municipal de Oroso.

Compromiso co Camiño Inglés

Valentín González Formoso e Manuel Mirás falaron tamén de distintas accións para mellorar o Camiño Inglés, o itinerario xacobeo que máis medra en número de peregrinos que o percorren cada ano, e que ten unha importante incidencia no municipio de Oroso.

Mirás, que preside tamén a Asociación de Concellos do Camiño Inglés que integra xa a 14 dos 18 concellos polos que discorre o itinerario, destacou o compromiso da Deputación da Coruña neste ámbito nos últimos catro anos e avanzou unha próxima reunión dos municipios no mes de outubro para programar e coordinar actuacións en base á auditoría de necesidades do Camiño realizada pola institución provincial, así como para planificar as vindeiras accións do ciclo "Primavera no Camiño" de 2020.

O alcalde invitou ao presidente a realizar unha visita institucional a Oroso nos vindeiros meses para supervisar diferentes infraestruturas executadas co apoio técnico e económica da Deputación da Coruña no municipio.