subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso presenta ‘En Oroso sementamos igualdade’


orosoA concelleira de Mulleres, Ensino e Benestar Social, Isabel Fernández, presentou esta mañá o libro e a campaña 'En Oroso sementamos igualdade' xunto ao alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e boa parte da corporación municipal.

A iniciativa ten como obxectivo achegar de xeito directo ás familias a información e ferramentas necesarias para facer fronte a situacións de violencia de xénero e educar en igualdade.

A Concellería de Mulleres, Ensino e Benestar Social está a distribuír mil exemplares do manual de bos usos en Oroso, xunto con 70 carteis anunciadores da acción, entre os comercios do noso concello e os centros educativos.

O manual de boas prácticas é unha guía de referencia destinada a que a cidadanía dispoña de suficientes recursos na súa vida cotiá para abordar situacións nas que se produce a violencia de xénero. Contén información precisa e sinxela para comezar a cambiar as actitudes e comportamentos, así como o coñecemento necesario para ser quen de recoñecer e distinguir o machismo, cambiar a mentalidade e conformar unha vila máis igualitaria, positiva e construtiva.

Así mesmo, constitúe unha ferramenta práctica e útil para a elaboración de plans de igualdade e/ou a resolución de conflitos desta índole no tecido asociativo.

O libro vai acompañado dun cartel, de xeito que poidan ser situados xuntos nun lugar visible dos escaparates comerciais, bibliotecas, centros de traballo ou centros escolares, a fin de que funcione como recurso de consulta ao longo do tempo. Hoxe comezou o reparto entre todas entidades a que se dirixe, entre comercios e centros educativos.