subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Andaina Primavera no Camiño en Oroso


orosoBaixo o slogan de Camiño Inglés Seguro, hoxe déronse cita na ponte de Sigüeiro o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, así como diferentes alcaldes e concelleiros dos 18 concellos polos que trancurre o Camiño Inglés.

O obxectivo, celebrar a apertura dun Camiño Inglés Seguro e unha nova edición de Primavera no Camiño Inglés. Atípica por completo, debido a que no canto de consistir nunha reunión de miles de persoas en Ferrol -tras as de Betanzos e Pontedeume- deseñouse unha marcha de todos os alcaldes dos 18 concellos do Camiño Inglés, cada un polo seu municipio e acompañados dun máximo de 49 persoas (por razóns de hixiene sanitaria).

“O Camiño Inglés recupera a súa vitalidade -manifestou Manuel Mirás, rexedor de Oroso- e faino desde Ferrol e A Coruña ata Compostela, todos a un tempo, porque transmitir ao mundo enteiro que este roteiro xacobeo é segura é labor de todos”. No caso de Oroso, foron 50 persoas, o máximo permitido para realizar a peregrinación, que percorreron o tramo desde a Baxoia ata Sigueiro.

“Desde a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, queremos que todos os concellos estean incorporados na entidade, uns dous diamantes en bruto en Galicia son os Camiños de Santiago e loitaremos todos xuntos para seguir crecendo dunha forma segura, agradecemos o apoio que todas as institucións están a brindarnos”, asegurou Manuel Mirás, presidente da entidade.

Acto seguido, o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, apuntou a necesidade da colaboración institucional e o gran traballo que está a realizar a Asociación. Celebrou que teña unha xerencia profesional e que estea traballando na realización destas iniciativas: “O Camiño Inglés ten unha capacidade de medrar e unhas potencialidades enormes e celebro todo ou traballo que a entidade está levando a cabo”.

Pola súa parte, Xosé Sánchez Bugallo destacou que “asistimos con enorme satisfacción a apertura de todos os Camiños e hoxe concretamente o Camiño Inglés, e valoro que este roteiro xacobeo vaia crecendo nos últimos anos, xa que actúa como motor de reactivación social e económica”. Tamén destacou que o Camiño Inglés “ten unha enorme oportunidade de crecemento, cun valor sólido e estable e que nos universaliza".

Por último, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou a importancia do acto simbólico que hoxe aconteceu en Sigüeiro, “que axuda a trasladar a sociedade que é necesario volver a saír ou Camiño, sendo un elemento seguro para poder gozar da vida, da cultura e atoparse a un mesmo”.