subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso apoia a creación dun fondo galego de axuda á hostalaría co 1% do orzamento anual da Xunta, as Deputacións e as Administracións Locais


orosoO Concello de Oroso apoia a proposta da Deputación Provincial da Coruña de crear un Fondo de Cooperación Galego con achegas de todas as administracións dirixido a dar axudas directas á hostalaría, un dos sectores máis afectados pola pandemia do coronavirus.

En concreto, o próximo pleno do Concello de Oroso debatirá unha moción, impulsada polos grupos de goberno (PSdeG e BNG), para apoiar esta proposta presentada hoxe polo presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, co obxectivo de que a Xunta de Galicia, as deputacións e as administracións locais galegas destinen o 1% do seu orzamento de 2021 a axudar á hostalaría.

“Os concellos da Coruña dispuxemos xa de 28 millóns de euros da Deputación para axudar a sectores como o comercio e a hostalaría, mentres que a Xunta, que ten as competencias en emprego, comercio e turismo, destinou só 17 millóns de euros para toda Galicia”, asegura o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.

No texto da moción, o grupo de goberno lembra que “no ano 2020 a Xunta recibiu transferencias estatais e europeas directas e non reembolsables por valor de máis de 1.100 millóns de euros, pero nin os concellos nin os afectados recibimos un so euro, onde están eses cartos?”.

Desde o comezo da pandemia, o concello puxo a disposición da hostalaría e do comercio numeroso material de protección (EPI), ademais de impulsar diferentes campañas de promoción e reactivación de ambos sectores.

Por outra parte, aprobou para este ano 2021 unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos. Estas medidas fiscais terán un impacto de 177.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas para os seus gastos.

O Concello de Oroso repartirá tamén 134.583,62 euros en achegas do programa PEL-Reactiva da Deputación aos autónomos e microempresas que se viron afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viron reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE.

Ademais, o concello de Oroso solicita que a Xunta implante bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga ao sector, como o canon de tratamento de lixo, o canon da auga ou o canon autonómico do IRPF, e que o Goberno de España rebaixe o IVE turístico e prolongue os ERTE.