subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O director de cine Ignacio Vilar presenta en Oroso 'María Solinha', protagonista da sesión de autocine do domingo na Alameda de Góis


orosoO Concello de Oroso acolle este domingo, 14 de marzo, na Alameda de Góis ás 19:45 horas, a estrea de ‘María Solinha’, un filme de Ignacio Vilar (A esmorga, 2014), coa muller e o galego como protagonistas absolutos.

Vilar, que estará na proxección do domingo para presentar a película ante os asistentes, estivo esta mañá no Concello de Oroso, xunto o alcalde, Manuel Mirás, a concelleira de Muller, Isabel Fernández, e a de Sanidade, Beatriz Rodeiro.

“Quería facer unha película sobre un problema que continúa na actualidade, o do machismo e a violencia contra as mulleres, e coñecín esta historia”, explica Ignacio Vilar, moi satisfeito da acollida nas sesións de autocine e ao exterior en verán, “que compensan o peche das salas de cine”.

O director leva á gran pantalla a lenda dunha muller icónica, condenada pola Inquisición, cun relato que se move entre o século XVII e o XXI. Grial Montes e Laura Míguez protagonizan a versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en icona feminista.

O aforo é limitado. A reserva de prazas para os vehículos farase na web www.autocine.gal