Oroso acolle unha concentración de tenis de mesa con xogadores portugueses e deportistas da selección galega
O Concello de Oroso acolle esta semana unha
concentración de tenis de mesa, no marco do convenio entre o equipo
portugués CTM Mirandela e os clubs galegos OrosoTM e TM Monteporreiro. En
total, 25 xogadores adestrarán en Oroso nas mellores condicións e ao máis alto nivel deportivo.
Froito deste acordo, a pasada semana estiveron en Mirandela 9 xogadores de
Oroso e Monteporreiro, xunto con dous adestradores, 1 por cada club.
Esta semana, 8 xogadores portugueses e un adestrador acudiron a Oroso.
Nesta concentración tamén participarán 10 xogadores da selección galega,
entre os que se atopan 3 deportistas de Oroso, xunto co seu adestrador.
Tamén se sumarán á concentración varios xogadores de Oroso e
Monteporreiro.
Dende a organización, espérase que estas sexan as primeiras concentracións
dun importante proxecto que se está a forxar con varios clubs do norte de
Portugal, cos que compartir experiencia e adestrar en conxunto.
Hoxe o alcalde de Oroso, Luis Rey, e o concelleiro de Deportes, Antonio Leira,
deron a benvida aos participantes da concentración. Ambos agradeceron o
labor que se realiza nestas concentracións e que estreita lazos co país veciño.
“É un pracer acoller en Oroso este tipo de acontecementos, que contribúen a
fomentar o deporte e a dar a coñecer o noso concello”, subliña Luis Rey,
alcalde de Oroso.