subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso presenta "Oroso de Corazón", unha iniciativa para convertirse nun concello cardioprotexido con diferentes actividades formativas e de concienciación sobre a saúde


O centro de saúde coordina un curso de reanimación cardiopulmonar que servirá de comezo da campaña

orosoO Concello de Oroso presentou esta tarde a súa iniciativa ‘Oroso de Corazón’, co obxectivo de convertirse nun municipio cardioprotexido e impulsar os hábitos de vida saudables entre os seus veciños e veciñas.

Nun acto celebrado no centro cultural coa presenza do tecido social, deportivo, sanitario e educativo do concello, presentaron esta nova iniciativa o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde; a concelleira de Sanidade, Beatriz Rodeiro; a directora do centro de saúde de Oroso, María José Méndez, e o coordinador do centro de saúde, Manuel Fernández.

“Esta pandemia fíxonos reflexionar sobre a importancia da saúde e de estar moi preto da xente, temos que ter claro o que é importante, por iso pensamos nesta iniciativa para fomentar a cultura da vida saudable, con charlas, cursos e diferentes iniciativas”, explicou Luis Rey.

Entre as actuacións que farán de Oroso un concello cardioprotexido, están os cursos de reanimación, masaxe cardíaco e maniobras ante casos de asfixia para a veciñanza; a formación sobre uso de desfibriladores para clubes deportivos, asociacións e centros educativos, e sesións formativas sobre alimentación, nutrición e consellos para evitar a obesidade infantil.

Haberá tamén outras iniciativas para fomentar os hábitos de vida saudable entre os orosáns, como as andainas, e xornadas para que os veciños e veciñas poidan medirse a tensión, o azúcar e outros parámetros.

RCP BÁSICA

A primeira actividade será un curso de reanimación cardiopulmonar (RCP) básico, aberto aos veciños e veciñas interesadas e que se celebrará a próxima semana (darase máis información nos próximos días). As técnicas de RCP son fundamentais en casos de infarto.

“O 80% das enfermidades poden evitarse con prevención, algo que temos que ter sempre en conta, e para os casos de urxencia, como os infartos, ter unhas nocións de primeiros auxilios poden salvar unha vida”, explicou a directora do centro de saúde.

“Quixemos impulsar esta iniciativa desde o concello, combinando sanidade e educación; o programa chegará a todas as idades para concienciar da importancia da saúde e dos controis sanitarios”, engadiu Beatriz Rodeiro.