subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba en pleno unha moción para demandar á Xunta "máis axilidade na resolución das licenzas" e un "reparto xusto das axudas autonómicas"


Nunha segunda moción, insta á Consellería de Política Social a “solucionar cunha maior rapidez as solicitudes de valoracións de Dependencia”

orosoO Concello de Oroso aprobou onte pola noite nun pleno ordinario unha moción para demandar á Xunta “unha maior axilidade nos informes sectoriais e na concesión das licenzas necesarias para acometer obras e proxectos”, así como “un reparto máis xusto das axudas autonómicas”.

“Non é admisible que a Dirección Xeral de Patrimonio tarde ata 120 días en contestar un informe, ter que esperar ata 280 días por un informe de Augas de Galicia ou que leven un ano sen resposta peticións ou consultas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”, afirmou o portavoz do grupo de goberno, Anbtonio Leira.

O Concello de Oroso lembra que isto provoca unha demora excesiva en proxectos moi importantes para os veciños, e mesmo a ter que renunciar a subvencións por non ter tempo de executar as actuacións.

“Hai cousas difíciles de entender, se o concello obtén todos os permisos de Patrimonio ou Augas de Galicia para pavimentar un camiño, non ten sentido que para facer a mesma obra ou reforzala un ano despois teñamos que pedilos outra vez, os perxudicados son os veciños”, engadiu o alcalde, Luis Rey.

Por outra parte, o grupo de goberno lamenta que a Xunta recurra aos procesos de concurrencia non competitiva para moitas convocatorias de axudas, que normalmente se anuncian con moi poucos días de marxe para preparar os proxectos e adxudícanse por orde de entrada das solicitudes a partir dunha medianoite.

Noutra moción aprobada onte, o Concello de Oroso insta á Consellería de Política Social da Xunta a “solucionar cunha maior rapidez as valoracións de Dependencia”. “Os procesos tardan dous anos e nese tempo as familias piden horas do Servizo de Axuda no Fogar, colapsando os Servizos Sociais municipais”, explicou Isabel Fernández, concelleira de Benestar Social de Oroso.