subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba en pleno o seu remanente de tesourería de 1.735.052,23 euros, co que realizará diferentes obras e actuacións para mellorar a vida dos veciños


orosoO pleno do Concello de Oroso aprobou onte pola noite un remanente de tesourería de 1.735.052,23 euros, unha situación que reflicte a boa xestión económica municipal.

Grazas a esta situación, o concello pode investir na mellora do municipio gran parte deste remanente.

En concreto, o investimento en obras e proxectos será de 1.393.901,16 euros, entre os que destacan o remate das obras do novo auditorio e ampliación do centro cultural; a posta en marcha do carril-bici desde Sigüeiro ata a estación de Oroso; traballos de asfaltado en Ponte Carollo, e melloras no abastecemento en San Román, o lugar da Estación e Villalbarro-Mariñaos.

O concello construirá tamén unhas novas gradas no campo de fútbol de Oroso e renovará o alumeado en Alexandre Bóveda e a senda peonil de Estación (Oroso), ademais de destinar outras partidas á finalización de obras iniciadas o ano pasado. Outros 300.000 euros do remanente destinaranse a gasto corrente, principalmente a axudas e subvencións a asociacións e clubes deportivos, entidades culturais e Protección Civil.

Na sesión plenaria, tanto o alcalde, Luis Rey Villaverde, como o concelleiro Antonio Leira destacaron que “temos un concello saneado, o que nos permite investir o remanente en obras, moitas delas nas parroquias e o rural, co único obxectivo de mellorar a vida dos nosos veciños”.